O BNG logra o apoio da súa moción para promover o consumo de produtos do mar en comedores

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de conseguir o apoio da Comisión de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 na moción defendida pola senadora Carme da Silva para promover o consumo de peixe e produtos do mar en comedores escolares e centros sociosanitarios. A senadora nacionalista logra instar o Goberno a incorporar criterios específicos para que se garanta a presenza suficiente -tres racións semanais- nas dietas saudábeis.
“Nun contexto de caída do consumo do pescado e, co gallo dos Decretos que o Ministerio de Consumo está a realizar sobre as pautas e directrices que se deben seguir para unha alimentación saudábel e sustentábel na contratación das Administracións Públicas, entendemos que se deben incluír o consumo de peixe e produtos do mar” defende a senadora do BNG durante a moción.
Neste sentido, a iniciativa nacionalista aprobada polo Senado demanda ao Goberno promocionar unha pauta de recomendación onde inclúa tres racións de peixe e produtos pesqueiros á semana en comedores escolares. Do mesmo xeito, insta o Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo a difundir as propiedades saudábeis de dietas como a Atlántica, “abundante en pescados, moluscos, mariscos e produtos do mar”.
Así mesmo, aproveitando que se está a redactar o proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sustentábel na contratación das Administracións Públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais, que garantirá comidas saudábeis en hospitais e residencias, a senadora do BNG consegue o apoio do Senado para que se incorporen melloras en relación ao consumo de peixe e produtos do mar.
“O Ministerio terá que ter en consideración outras alternativas de dieta máis alá da Mediterránea como pode ser a dieta Atlántica ou a Pesco-Mediterránea” sinala a senadora do BNG, mentres explica que se deberá “evitar incluír o peixe no concepto de proteína animal como un todo e non segregado, dado que é un alimento máis saudábel e con diferentes características”.
“O Goberno debe ter en contas as tres vertentes –social, económica e ambiental- á hora de estabelecer os criterios de sustentabilidade, así como realizar recomendación en base a informes científicos sobre os beneficios nutricionais dos alimentos” explica a senadora nacionalista.
Após o resultado da votación onde a moción do BNG foi aprobada, Carme da Silva valora positivamente a súa aprobación: “conseguimos que o Goberno mellore as recomendacións e se garanta a presenza suficiente de peixe e produtos do mar nas dietas saudábeis en comedores escolares e centros sociosanitarios. Unha boa nova tamén para o sector pesqueiro galego” conclúe.