O BNG logra manter a parada de autobús da Pontenova tras a negociación coa nova Lei de Mobilidade Sustentable

O Bloque Nacionalista Galego vén de conseguir un avance decisivo na nova Lei de Mobilidade Sustentábel ao asegurar a continuidade das paradas de autobús que o Goberno do Estado pretendía eliminar co novo mapa concesional. Entre elas atópase a da Pontenova, unha das afectadas pola proposta inicial, que finalmente se manterá activa grazas á intervención do BNG no Congreso.
O portavoz local, Xorxe Gómez, destacou o traballo desenvolvido pola formación nas Cortes, subliñando que “o BNG resolve un problema que estaba suscitado, un problema importante para a mobilidade e o transporte público na Galicia”. Engadiu tamén que “conseguimos garantir que os nosos veciños e veciñas non perdan un servizo básico que moitas veces é a única forma de desprazamento para persoas maiores ou estudantes”.
Segundo explicou o edil, a negociación lograda polo Bloque garante dúas vías posibles para manter o servizo: a asunción das paradas pola Xunta de Galicia a custo cero, xa que o Estado compensará os gastos adicionais, ou ben a continuación da prestación directa polo propio Estado no caso de que o Executivo galego non queira asumir esas competencias. En calquera dos dous escenarios, A Pontenova manterá a súa conexión por autobús.
Xa hai un ano, o grupo municipal do BNG alertara no pleno da Pontenova das consecuencias negativas que suporía a supresión da parada para a veciñanza e instara o Concello a actuar. Posteriormente, o 18 de outubro de 2024, a senadora nacionalista Carme da Silva presentara unha iniciativa no Senado reclamando ao Ministerio de Transportes a revisión do plan estatal, polo grave impacto que tiña para numerosas vilas galegas, entre elas A Pontenova.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou o acordo como “unha conquista que evita que zonas enteiras da Galicia queden incomunicadas”. Explicou que “se manteñen as 22 paradas nos concellos galegos e, no caso de que a Xunta as asuma, non lle suporá gasto ningún”. O parlamentar engadiu que esta modificación permitirá que máis de 130.000 galegos e galegas poidan seguir empregando o servizo de autobús.
Desde o BNG da comarca da Mariña valoraron o resultado como unha mostra do compromiso da formación coa defensa do servizo público e co equilibrio territorial da Galicia, destacando o seu papel útil na defensa dos intereses do país. “Cada parada que se mantén é unha garantía de igualdade de dereitos e oportunidades para quen vive no rural. O BNG demostra máis unha vez que é útil para os galegos e as galegas e que defende Galicia alí onde se decide”, concluíu o portavoz comarcal Antonio Veiga.