O BNG levará ao Parlamento a problemática dos centros educativos de Burela

AMariñaXa
Segundo os directores e profesores, moitas das dificultades xa veñen de anos anteriores e seguen sen solución por parte da Xunta
bng-comunidade-educativa-burela
3 Out 2024

Representantes do BNG mantiveron encontros coa comunidade educativa de Burela para abordar os problemas que se están a vivir nos centros educativos ao comezo deste curso escolar. Segundo os directores e profesores, moitas das dificultades xa veñen de anos anteriores e seguen sen solución por parte da Xunta de Galicia. O tenente alcalde e concelleiro de Educación de Burela, Mario Pillado, e a concelleira de Asuntos Sociais, Sandra Fernández Cillero, acompañaron ao deputado nacionalista Daniel Castro nas reunións mantidas cos equipos directivos dos institutos Monte Castelo e Perdouro, así como dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme.

Pillado destacou que "a situación en Burela é única, con 1350 alumnos distribuídos en catro centros educativos, onde conviven máis de 40 nacionalidades diferentes". Aínda que esta diversidade é positiva, o concelleiro subliñou que require máis recursos. "Non se poden aplicar os mesmos ratios e financiamento que noutros centros de Galicia", engadiu, criticando a falta de acción por parte da Consellería de Educación.

Entre as principais necesidades sinaladas polos equipos directivos, destacan a instalación dun ascensor e a cuberta da pista polideportiva no IES O Perdouro, así como a cuberta das pistas no colexio Vista Alegre. O colexio Virxe do Carme, pola súa banda, demanda a creación dunha praza de coidador/a, mentres que os institutos Monte Castelo e Perdouro subliñan a necesidade de mellorar as liñas de transporte escolar para garantir que os alumnos cheguen puntualmente ás clases.

A concelleira de Asuntos Sociais, Sandra Fernández Cillero, tamén fixo fincapé na falta de recursos para o alumnado con necesidades especiais. Propuña a creación dun centro específico con recursos combinados, que puidese traballar en colaboración cos centros públicos da comarca para ofrecer un mellor apoio a este alumnado. Tras os encontros, o deputado Daniel Castro anunciou que nos próximos días rexistrará varias iniciativas no Parlamento galego para dar resposta ás necesidades educativas de Burela.

“O Partido Popular e a Xunta deben actuar xa para garantir que estas carencias sexan cubertas”, declarou Castro. Esta reunión forma parte dunha rolda de encontros que o BNG está a realizar coa comunidade educativa de A Mariña para coñecer de primeira man as problemáticas existentes nos centros escolares, encontros que comezaron semanas atrás en Alfoz e continuarán por toda a comarca.

0.18420100212097