O BNG levará ao Parlamento a crise sanitaria en Barreiros pola falta de médicos no centro de saúde

O Bloque Nacionalista Galego trasladará ao Parlamento de Galicia a grave situación que atravesa o Centro de Saúde de Barreiros, tras quedar sen ningún dos tres médicos titulares e sen que a Consellería de Sanidade cubrise ningunha das prazas vacantes. A decisión chega despois da masiva concentración celebrada esta semana fronte ao centro sanitario, na que participaron centos de veciñas e veciños esixindo unha solución inmediata.
O deputado mariñao do BNG, Daniel Castro, que tamén estivo presente na mobilización, anunciou a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias para “poñer fin ao abandono sanitario que padece Barreiros e, en xeral, toda a Mariña”. Castro lembrou que “a situación da Atención Primaria na comarca é un absoluto caos, cun evidente empobrecemento da calidade asistencial que afecta á totalidade dos concellos mariñaos”.
Segundo o deputado, “a dirección do Sergas e o conselleiro mentiron cando a principios do verán aseguraron que a asistencia sanitaria na Mariña estaba garantida, porque é obvio que non o estivo na época estival nin o está agora no outono”.
No caso de Barreiros, a ausencia de médicos provocou que a veciñanza quede sen atención médica básica, con esperas de até tres semanas para conseguir unha consulta. “Esta situación é inaceptable e prodúcese despois dun verán no que os servizos estiveron saturados, só salvados pola profesionalidade e o esforzo do persoal sanitario”, indicaron desde o BNG.
O deputado nacionalista denunciou tamén que o Centro de Saúde de Barreiros leva anos sufrindo recortes continuados por parte do Partido Popular. “Suprimíronse servizos de matrona, pediatría e persoal de apoio a desprazad@s, nun proceso que forma parte da estratexia do PP de desmantelar a Atención Primaria e a sanidade pública”, engadiu.
Ante este panorama, o Grupo Parlamentario do BNG insta á Xunta de Galicia a cubrir de forma inmediata e estable as tres prazas de médicos do centro de saúde barreirense e a garantir o funcionamento normal do servizo. Ademais, esixe explicacións sobre as causas que levaron á total ausencia de persoal médico e sobre as medidas que pensa adoptar o Goberno galego para que esta situación non se repita.