O BNG leva ao Vicedo a campaña en defensa das infraestruturas pendentes

AMariñaXa
Os nacionalistas reclaman a autovía A-74 e a VAP Costa Norte e denuncian 25 anos de promesas incumpridas que manteñen á Mariña illada
Vicedo-BNG-protesta-VAC-Costa-2025
31 Dec 2025

A campaña impulsada polo BNG para reclamar mellores infraestruturas viarias segue estendéndose por distintos puntos da Mariña, chegando nesta ocasión ao concello do Vicedo. Alí, os nacionalistas colocaron faixas reivindicativas nas que se reclama a execución da autovía A-74, entre Barreiros e San Cibrao, así como do corredor VAP Costa Norte, que debería unir San Cibrao con Ferrol.

Desde o BNG lembran que se cumpren 25 anos desde que os gobernos do Partido Popular decidiron desviar a Autovía do Cantábrico polo interior, a través de Vilalba, ao tempo que se iniciaba unha cadea de anuncios e compromisos sobre infraestruturas que nunca chegaron a materializarse. Segundo denuncian, aquelas promesas foron quedando no papel mentres a comarca continuaba sen conexións viarias axeitadas.

O portavoz municipal do BNG no Vicedo, Miguel Gómez, asegurou que a veciñanza coñece ben o que significa vivir nun territorio “maltratado e illado”, unha situación que, segundo afirmou, se ve agravada polos recortes en servizos básicos como a sanidade e a educación. Gómez criticou que “desde hai 25 anos todo foron promesas e máis promesas”, mentres o concello segue sufrindo as consecuencias do illamento.

O representante nacionalista acusou á Xunta de Galicia de non ter interese real pola Mariña nin polos seus habitantes, sinalando que “para o PP non existimos nin sequera nos trazos que debuxan sobre o papel para anunciar estradas convencionais”. Ao seu xuízo, a paralización definitiva da VAP Costa Norte supón “enterrar tamén ao Vicedo”, ao frear as oportunidades de desenvolvemento e comunicación do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.076826095581055