O BNG leva ao Parlamento a situación da atención primaria na mariña
Despois de reunirse a semana pasada con traballadores dos centros de saúde e coa Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, os deputados Daniel Castro e Montse Prado constataron o paulatino e continuado desmantelamento ao que as políticas sanitarias do PP están sometendo á sanidade pública na última década na comarca, coa supresión da Área Sanitaria da Mariña por medio, "véndose agravado agora este desmantelamento coas sucesivas ondas da pandemia sen que desde o Sergas nin desde a Xunta se poña remedio á actual caótica situación, que xa sobrepasa todos os límites en concellos coma Viveiro, o de mais poboación da Mariña".
"A falta de profesionais repítese tamén noutros concellos e centros de saúde da comarca coma San Cibrao, Foz, Burela (onde se suprimíu a quenda de tarde) Ribadeo...O servizo de HADO e paliativos presencial está baixo mínimos, tendo que asumir eses servizos a atención primaria ao elimináreno en dez dos catorce concellos nos que se prestaba. Outro dos problemas é a atención telefónica que se encontra sobresaturada, e que en concellos pequenos e con poboación avellentada fan moi difícil concertar unha cita para consulta debidamente", din os deputados nacionalistas.
O deputado mariñao Daniel Castro afirma tamén que “no Hospital de Burela, no que aumentan os metros cadrados e diminúen os servizos, segue a incrementarse día a día as derivacións ao HULA, polo que as mariñás e mariñaos ven reducidos progresivamente os servizos que teñen dereito a ter”
Ante esta situación o deputado nacionalista presenta unha iniciativa instando á Xunta a facer os trámites necesarios para cubrir do xeito máis urxente todas as baixas e vacacións da Atención Primaria da comarca da Mariña, a recuperar a asistencia presencial a domicilio de paliativos en todos os concellos do Distrito Sanitario e a reducir de xeito drástico as derivacións ao Hula nos casos nos que haxa a posibilidade de tratar aos e ás doentes no Hospital de Burela.