O BNG leva ao Parlamento a problemática da ubicación da central hidroeléctrica
O BNG leva ao Parlamento e ao Congreso a problemática da ubicación da central hidroeléctrica no Valadouro proposta por Atalaya Generación-Desarrollos del Malache.
Para o BNG, a preocupación suscitada pola ubicación desta central para producir e comercializar enerxía debe darse con todo rigor e con todos os datos, máxime no momento en que a comarca da Mariña atravesa unha situación preocupante no eido industrial e no emprego polo que tanto Psoe como PP deben estar á altura das institucións que representan (Goberno da Xunta e Goberno do Estado) que son as que tenen toda a responsabilidade neste asunto.
PP E PSOE, RESPONSABLES DA DELICADA SITUACIÓN QUE ATRAVESA A MARIÑA
Desde a formación nacionalista piden tamén a PP e PSOE que "non utilicen neste e noutros casos anuncios-reclamo de inversións millonarias e grandes beneficios para as economías municipais como condicionantes para levar adiante proxectos que non están testados nin contrastados polo momento, polo que tanto no Congreso coma no Parlamento de Galicia son PSOE e PP quen deben dar explicacións, porque na complicada situación que atravesan a Mariña e o seu futuro tenen moito que ver os dous partidos estatais que durante décadas deixaron á comarca sen infraestruturas e sen ningún tipo de planificación industrial e sen planificación enerxética para Galicia",.
MARRAXO DIENTUSO
O BNG tamén levará ao Parlamento a problemática da comercialización do marraxo dientuso, así din que por terceiro ano consecutivo "o Goberno español está a impedir a pesca e a comercialización do marraxo dientuso ao sector do palangre de superficie galego, único no Estado que dirixe a súa actividade a esa especie, entre outras".
A decisión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), tomada na súa reunión de novembro e en vigor dende xaneiro deste mesmo ano para as dúas vindeiras campañas, vén de prohibir reter, transbordar e desembarcar, total ou parcialmente, marraxo dientuso do Atlántico Norte.
Malia que era unha decisión agardada polo sector, volve ser un golpe durísimo para unha frota que fixo enormes esforzos dirixidos á sostibilidade dos recursos nos últimos anos, nos que vén reducindo as súas capturas case un 40% e dotándose voluntariamente de monitores electrónicos e dun maior número que o requirido de observadores a bordo para aportar máis datos científicos.
Agora, mentres se inicia unha fase de recuperación da especie, deberán agardar a vindeira avaliación da ICCAT que estaba prevista para 2027 e que finalmente adiántase ao 2024.
BARCOS DA MARIÑA CON CAPTURAS BLOQUEADAS
"Esta situación totalmente anormal e extremadamente gravosa para o sector e que afecta tamén a barcos da Mariña, e coa aplicación dos certificados CITES (Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres) afecta a capturas dos anos 2020, 2021 e 2022, capturas que quedan bloqueadas ao chegar a porto porque non se expiden os certificados CITES", din os nacionalistas.
Por estes motivos a deputada Rosana Pérez e o deputado Daniel Castro levan varias iniciativas, preguntas e proposicións non de lei ao respecto ao Parlamento solicitando á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a atopar solucións para a flota.