O BNG leva ao Parlamento a inseguridade no porto de O Vicedo

AMariñaXa
A formación denuncia que, seis meses despois do anuncio de reparación, a situación segue sen cambios
BNG-Vicedo-porto-inseguridade-2025
11 Mar 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) traslada ao Parlamento a situación de inseguridade que afecta ao porto de O Vicedo, onde unha gran fenda de 30 metros pon en risco a súa estabilidade desde hai anos. A Consellería do Mar e Portos de Galicia anunciaran o pasado 4 de setembro a inminente reparación da estrutura, pero, seis meses despois, as obras seguen sen executarse.

“Seguimos como estabamos, co perigo que isto supón para os usuarios e para a veciñanza en xeral”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Miguel Gómez, que acompañou ao deputado mariñao Daniel Castro na súa visita ao porto. Ante esta situación, Castro trasladará ao Parlamento unha iniciativa para esixir a Portos de Galicia que actúe de forma inmediata.

O deputado nacionalista preguntará polo estado das obras, inicialmente previstas en dúas fases: unha primeira para asentar o peirao, que perde material na súa base, e unha segunda para estabilizar a fenda. O investimento anunciado era de 55.000 euros, pero o BNG esixe prazos concretos para a súa execución e demanda saber se haberá unha nova partida despois de comprobarse que os traballos da primeira fase non deron o resultado esperado.

“Un ente como Portos de Galicia, con orzamento suficiente, debe ser moito máis áxil na solución deste problema de seguridade”, reclamou Castro, que tamén criticou a inacción do Partido Popular. “Cando se trata de obras na Mariña, parece que o PP ralentiza a súa actividade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.072601079940796