O BNG leva ao Parlamento a falta de persoal especializado no CEIP de Covas

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, vén de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa coa que insta á Consellería de Educación a reforzar de maneira urxente o persoal especializado no CEIP Plurilingüe de Covas, no concello de Viveiro. A proposta céntrase na necesidade de incrementar os recursos de Audición e Linguaxe (AL) e Pedagoxía Terapéutica (PT), que considera claramente insuficientes para atender a realidade do centro.
Castro puxo o acento en que o colexio conta con 154 alumnos e alumnas e, malia iso, a dotación de profesionais especializados “non responde ás necesidades reais do alumnado”, unha situación que, segundo advertiu, vén arrastrándose e agravándose desde cursos anteriores. A esta carencia súmase, segundo denunciou, a decisión da Xunta de nomear á pedagoga terapéutica como directora do centro, cunha dedicación de apenas sete horas semanais, sen que se habilitase ningún reforzo para cubrir a atención educativa que deixa de prestarse.
O parlamentario nacionalista subliñou que o obxectivo da iniciativa non é introducir pequenas melloras, senón frear unha deterioración progresiva do servizo educativo. Neste sentido, lembrou as mobilizacións impulsadas polas familias, que levan oito venres consecutivos concentrándose diante do centro baixo o lema “Venres Negros” para reclamar máis recursos.
A iniciativa presentada polo BNG concreta as súas demandas na incorporación dunha profesional de Audición e Linguaxe a tempo completo e dunha profesional de Pedagoxía Terapéutica a media xornada, destinada a compensar as horas que a actual pedagoga terapéutica dedica ás tarefas de dirección. “Falamos do mínimo imprescindible para garantir unha educación digna e en condicións de igualdade”, afirmou Castro.
O deputado criticou tamén a falta de resposta da Administración autonómica ás solicitudes da ANPA do centro, que, segundo indicou, levan máis de cen días sen obter contestación. Ademais, cuestionou o catálogo xeral de dotacións que emprega a Xunta, ao considerar que non reflicte a realidade dun colexio con altos índices de alumnado con necesidades educativas específicas, risco de exclusión social e casos de absentismo crónico.
Para Daniel Castro, a situación do CEIP de Covas é consecuencia directa “de anos de desatención institucional”. O deputado concluíu asegurando que continuará levando este asunto ao Parlamento e presionando politicamente ata que se adopten medidas que garantan unha atención educativa adecuada para todo o alumnado.