O BNG leva ao Parlamento a falta de médicos na Pontenova

AMariñaXa
A veciñanza da Pontenova protesta pola falla de asistencia médica no centro de saúde. O Alcalde, Darío Campos fíxose eco das denuncias
A Pontenova centro de saude
8 sep 2023

O Centro de Saúde da Pontenova, ao que lle corresponden un médico, unha médica e dúas enfermeiras para atender unha poboación de 2.100 habitantes está atravesando unha situación complexa e que provoca o correspondente e xustificado malestar entre a veciñanza ao contar agora con un só médico, feito que veu acontecendo xa na época estival, curiosamente cando na Pontenova aumenta tamén a poboación.

O deputado mariñao Daniel Castro vén de rexistrar no Parlamento varias preguntas ao respecto e tamén unha proposición non de lei. Estas iniciativas presentounas no día de hoxe diante do Centro de Saúde, acompañado do concelleiro Xorxe Gómez e demáis membros do BNG da localidade.

Nestas iniciativas ínstase á Xunta a cubrir de xeito inmediato calquera dos períodos vacacionais e/ou calquera baixa laboral que afecte ao persoal sanitario do Centro de Saúde da Pontenova, dado que este é un dos problemas que acontece repetidamente, tal como manifestou Xorxe Gómez: “o feito de non cubrir os períodos vacacionais dos profesionais da sanidade ten consecuencias que se ven tamén no Centro de Saúde da Pontenova. Por desgraza, neste mes de agosto volvemos ver esperas de máis dunha semana para ter unha cita médica, para obter os resultados dunhas análises ou para conseguir receitas médicas”

Daniel Castro anunciou tamén que neste curso político o Bng seguirá a poñer o foco no deterioro da sanidade pública, provocado pola reducción sistemática de medios materiais e humanos, “tal como se pode comprobar aquí na Pontenova, e que desgrazadamente non é un caso aillado, senón que acontece en toda a comarca e en todo o país” afirmou, e asegurou tamén que ”o PP fai saltar polos aires o dereito á atención sanitaria, á proximidade, á accesibilidade poéndo en risco á poboacion e @s profesionais coa falta de médicos, pediatras, enfermeir@s …… e esto acontece polo continuado recorte nos orzamentos en materia de sanidade”

0.095634937286377