O BNG leva á Deputación a defensa da pesca artesanal da Mariña

AMariñaXa
Daniel García presentará unha moción para reclamar a exclusión da frota de baixura do Regulamento de Control Pesqueiro da UE
BNG-Marina-pesca-2026
21 Jan 2026

O BNG da Mariña levará ao próximo pleno da Deputación de Lugo a demanda do sector pesqueiro artesanal de excluír a súa actividade do Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea (Regulamento (UE) 2023/2842), aprobado definitivamente o 22 de novembro de 2023 e en vigor desde o 9 de xaneiro de 2024.

O deputado mariñao Daniel García Fernández será o encargado de defender a moción, que responde á preocupación da frota artesanal galega, especialmente a da Mariña, que abarca desde O Vicedo ata Ribadeo. “A flota artesanal leva anos reclamando un tratamento diferenciado que teña en conta a singularidade da súa actividade, o seu carácter respectuoso co medio mariño e a súa importancia económica, social e territorial nas vilas costeiras”, explicou García.

O rexeitamento do sector plasmouse en múltiples mobilizacións e protestas, así como no consenso acadado no Parlamento Galego, onde se aprobaron varias iniciativas do BNG reclamando a adaptación da normativa á realidade da pesca de baixura. “O pasado luns 19 o sector mariñao mobilizouse en contra dun regulamento inxusto, cunha carga burocrática inasumible, que aumenta os custos, xera problemas de seguridade e condena a moitos profesionais do mar ao abandono da actividade. Ese é o sentir do sector, tal como nos transmitiron nas concentracións nas portos mariñaos ás que asistimos”, subliñou García.

O deputado insistiu en que o BNG continuará defendendo as demandas do sector en todas as institucións, incluída a Deputación e os concellos da comarca. “As nosas reclamacións, xa formuladas no Parlamento Galego e no Parlamento Europeo, céntranse na exclusión da pesca artesanal do Regulamento de Control Pesqueiro da UE. É fundamental que se escoite a voz dos profesionais que manteñen viva a economía e as comunidades costeiras da Mariña”, engadiu.

Segundo explicou García, a flota artesanal da Mariña non só contribúe á economía, senón que tamén fortalece a fixación da poboación e preserva tradicións e hábitos históricos ligados á pesca. Por iso, a moción do BNG pretende que a Deputación de Lugo actúe como mediadora, trasladando ao ámbito provincial e autonómico a preocupación do sector e garantindo que as decisións europeas non perxudiquen a continuidade desta actividade.

“Trátase dun sector que necesita medidas adaptadas á súa realidade, con cargas burocráticas asumibles, seguridade garantida e custos razoables. A colaboración entre o BNG e a Deputación é clave para que estas demandas se materialicen e para protexer a sustentabilidade económica e social das vilas mariñaas”, concluíu o deputado.

⚙ Configurar cookies
0.35293483734131