O BNG insta á Xunta a rematar a senda peonil entre Alfoz e O Valadouro

A senda peonil que comunica os concellos de Alfoz e O Valadouro segue sen rematar, a pesar de ser unha infraestrutura demandada pola veciñanza e de contar co respaldo unánime do Parlamento de Galicia. Así o denunciaron esta mañá o deputado do BNG Daniel Castro e a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, que compareceron para poñer o foco sobre unha situación que cualifican de “inadmisible”.
A obra, iniciada hai máis dunha década, conta cun primeiro tramo xa executado de 1.250 metros de lonxitude e dous metros de ancho. Con todo, resta por construír un treito de 600 metros que permitiría completar o itinerario peonil entre Vilaúde e O Reirado, paralelo á estrada autonómica LU-160. En febreiro de 2020, o Concello de Alfoz presentou unha proposta formal á Xunta para acometer este remate, mais, segundo afirmou Maseda, “catro anos despois seguimos sen resposta algunha por parte da administración autonómica”.
No Parlamento de Galicia, o deputado mariñao do BNG Daniel Castro presentou unha Proposición non de Lei o 18 de novembro de 2024 para instar á Xunta a completar o trazado. A proposta foi debatida o 19 de febreiro de 2025 e aprobada por unanimidade. Porén, lamentou que a Xunta continúe sen actuar, malia que o PP tamén votou a favor. “Do Partido Popular non nos podemos fiar nin cando vota si ás nosas propostas”, criticou Castro.
A alcaldesa de Alfoz subliñou que “a senda está sendo moi utilizada por veciños e veciñas dos dous concellos, e precisamos que se remate canto antes para garantir a seguridade de quen a emprega a diario”. Denunciou ademais que, desde a aprobación parlamentaria, “non houbo ningún contacto da Xunta co Concello de Alfoz, nin sequera unha comunicación oficial”.
Daniel Castro avanzou que presentará novas iniciativas na Cámara galega para obrigar á Xunta a actuar de forma inmediata e poñerse en contacto co goberno local de Alfoz. “Non podemos permitir que unha infraestrutura útil e reclamada quede a medias por falta de vontade política”, concluíu.