O BNG insta a dotar de abastecemento de auga os principais núcleos da parroquia laurentina de Santo Adrao

O BNG de Lourenzá vén de poñer sobre a mesa unha nova reivindicación dirixida a mellorar os servizos básicos no rural. A formación nacionalista presentou unha moción que se debaterá este xoves no pleno municipal e na que solicita que o Concello impulse, con carácter prioritario, o abastecemento de auga nos principais núcleos da parroquia de Santo Adrao, onde a día de hoxe este servizo municipal continúa sen chegar.
Os lugares de Vilar, O Rodeiro, Redondelo, A Valiña ou Guxide, entre outros, son algúns dos puntos que carecen deste recurso esencial. Desde o BNG lembran que tanto a auga potable como o saneamento constitúen dereitos fundamentais, ligados directamente á saúde pública e á calidade de vida. A portavoz nacionalista, Belén Fanego, advertiu de que “esta situación de falta de abastecemento pode poñer en risco a saúde pública, e ademais a ausencia de infraestruturas adecuadas provoca impactos medioambientais e frea o desenvolvemento económico das zonas afectadas”.
A moción tamén inclúe a petición de que o Concello reclame ás institucións e organismos competentes o financiamento necesario para facer realidade estas actuacións. O obxectivo, segundo o BNG, é avanzar cara a un acceso equitativo aos servizos básicos en todo o territorio municipal e mellorar as condicións de vida da veciñanza do rural, tradicionalmente máis desatendida na dotación de servizos públicos.
Fanego subliña que este compromiso non se limita ao abastecemento. A edil tamén chama a atender as carencias de saneamento existentes no termo municipal. Por iso, propón que se realice un estudo detallado que permita identificar as necesidades reais e elaborar os proxectos técnicos necesarios para corrixilas.
Con esta iniciativa, o BNG busca que Lourenzá dea un paso decidido cara a unha planificación máis equilibrada dos investimentos, garantindo que todos os veciños —vivan onde vivan— conten con infraestruturas básicas imprescindibles.