O BNG esíxelle á Xunta que presente recurso inmediato contra o veto da pesca de fondo
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, demandou ao Goberno do PP “a presentación dun recurso inmediato” ante a decisión da Unión Europea de prohibir a pesca de artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico noroccidental.
A deputada do BNG advertiu dos efectos desta prohibición “que xa se están a notar, sobre todo nos barcos de pincho que operan no Gran Sol, aínda que esta norma está dirixida ós barcos de arrastre”. Así mesmo, puxo o foco na situación “moi grave” que esta decisión xera para unha frota xa afectada pola incerteza e pola crise económica.
Neste sentido, Pérez reclamou á Xunta que solicite ante a UE e ante o Goberno do Estado medidas que compensen economicamente aos armadores e ás tripulacións e criticou “a actitude dun presidente Rueda que non pisa Bruxelas para defender á xente do mar”. Recriminoulle, ademais, á bancada popular “que sexan tan bravucóns no Parlamento e non o sexan tanto para defender os intereses galegos”.
Para a deputada nacionalista un exemplo da inacción do Partido Popular é a negativa a presentar un recurso contra o veto da Comisión de Pesca. E iso, “despois de prometerlle ao sector que esgotaría todas as vías legais para reverter esta daniña decisión”. As críticas de Pérez tamén alcanzaron ao goberno central, porque ao igual que a Xunta, “nada fai salvo manifestar timidamente o seu desacordo”. E tamén foi crítica cunha Unión Europea “que di non ter mecanismos para salvar a frota galega pero si os ten para arruinala”.
A parlamentaria nacionalista acusou á Xunta o de “falta de vontade ante o veto”, unha prohibición arbitraria e inxusta que mesmo está prexudicando a frota allea á pesca de fondo. A portavoz de Pesca lamentou que, a día de hoxe, o Goberno do Estado só ofreza como alternativa “paradas temporais ou despezamentos, respostas inxustificables que amosan o nulo interese que hai en evitar a redución de embarcacións e a perda de postos de traballo”.
A deputada do Bloque esixiu “a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca e a presentación do recurso perante a Unión Europea, independentemente do que faga o Estado”. Na mesma liña, reclamou “o despregue de todo tipo de accións para impedir os despezamentos de barcos e unha compensación económica a armadores e tripulacións”. Propostas que se atoparon coa negativa do PP.