O BNG esixe medidas urxentes para evitar o colapso da atención sanitaria da Mariña

AMariñaXa
O BNG advertiu da grave situación que atravesa a sanidade pública na Mariña xusto no comezo dunha época estival
bng_sanidade_mariña
11 Xul 2024

O BNG advertiu da grave situación que atravesa a sanidade pública na Mariña xusto no comezo dunha época estival onde a comarca multiplica a poboación. O deputado no Parlamento Daniel Castro, o deputado provincial Daniel García e o responsable comarcal Antonio Veiga, acompañados de cargos institucionais da comarca deron conta das reiteradas deficiencias e falta de persoal nos centros de saúde.

“Vimos denunciando en numerosas ocasións no Parlamento o deterioro da sanidade pública como consecuencia de quince anos de recortes e privatizacións do goberno do PP ao fronte da Xunta, que se tén convertido nun perigo para a saúde das galegas e dos galegos, porque o PP ignorou premeditadamente a súa responsabilidade de planificar e organizar o bo funcionamento do sistema público de saúde, tanto no que se refire á correcta dotación de persoal, a  mellora da atención primaria e á dotación do financiamento que permita á Consellería de Sanidade dispor dos medios necesarios para garantir o dereito á saúde pública, gratuíta e universal da poboación”, manifestou Daniel Castro, que centrou as súas críticas nos numerosos e graves casos de falta de persoal nos centros de saúde dos diferentes concellos da comarca, tal como corroboraron tamén os edís nacionalistas presentes na rolda de prensa que deron conta das situacións que se están a vivir nos seus respectivos concellos.

Así, hai casos coma o do Vicedo, que de dúas prazas a cubrir, unha está no aire, dispoñendo dunha médica con contratos temporais. No centro de saúde de  Viveiro hai que agardar 15 días para unha consulta, 21 días para receitas, non hai dentista, estiveron 2 meses sen matrona por non cubrir a súa baixa, no turno de mañá hai 5 médicos de 7 que lle corresponden e no de tarde 2 de 4.

Aseguran que no Valadouro deixan ao centro de saúde sen ningún médico e despois das mobilizacións veciñais de abril e xuño cubren só unha praza cun médico xubilado. En Barreiros, de 3 médicos hai dous e non hai médico para desprazados desde hai uns anos, algo que é común a outros concellos de A Mariña, o que non se entende cando esta comarca é un destino turístico de primeira orde. En Foz, outro concello que multiplica a poboación segue sen médico para  desprazados, segue sen matrona, adían citas 20 días despois de estar outros 15 agardando por ela, e tamén praza de médico sen cubrir. En Burela e Cervo tamén hai retrasos nas citas polas vacacións de verán. En Riotorto, que estivera sen os dous médicos, teñen un despois de moitas mobilizacións veciñais.

En servizos comarcais tan importantes coma o de saúde mental hai tamén un psiquiatra de menos. A planta de medicina interna do Hospital da Mariña, a única planta médica (as outras son cirúrxicas), piar básico do nivel asistencial hospitalario, está pechada. Este peche de 38 camas cando máis poboación hai na Mariña obrigará a derivar a Lugo porque o persoal desas planta está repartido polo resto do centro cubrindo as vacacións. “Esta é, manifestan os nacionalistas, a garantía de calidade asistencial que o novo conselleiro pregoa a bombo e platillo, máis o certo é que na Mariña non se pode enfermar no verán porque hai 38 camas menos dispoñibles para toda a poboación que se multiplica na Mariña en época estival”

Desde o BNG recordaron tamén a eliminación por parte do PP da Área Sanitaria da Mariña fai agora  7 anos, co cal se entenden agora moitas das eivas que está sufrindo a comarca en materia sanitaria, algo do que advertiran xa os nacionalistas en agosto de 2017, de que a centralización en Lugo de moitos servizos traería consecuencias negativas.

0.19271206855774