O BNG esixe medidas urxentes ao Estado para garantir o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao

O Bloque Nacionalista Galego volve alzar a voz para defender a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo na planta de Alcoa en San Cibrao. A formación nacionalista rexistrará unha pregunta na Comisión de Industria do Congreso, a través do deputado Néstor Rego, para que o Goberno do Estado explique que medidas pensa adoptar fronte ás últimas manobras da multinacional.
Rego denuncia que Alcoa está a aproveitar o recente apagamento eléctrico como novo pretexto para atrasar a reactivación da produción, xerando un clima de incerteza entre o cadro de persoal e pondo en risco o futuro da factoría na Mariña. O deputado critica tamén a pasividade do Ministerio de Industria, ao que acusa de actuar como “cómplice silencioso” dun posible peche encuberto, como xa aconteceu nas plantas da Coruña e Avilés.
Segundo o BNG, a situación actual está marcada pola opacidade. Existe un Memorando de Entendemento asinado entre Alcoa, o Ministerio e a Xunta de Galicia que non foi feito público e que o propio comité de empresa descoñece, o que levanta serias dúbidas sobre a súa eficacia para garantir os investimentos comprometidos e a continuidade da actividade.
“Non podemos permitir que unha nova escusa sirva para paralizar a planta. Hai alternativas reais e viables para garantir a subministración eléctrica mentres non se concretan os contratos a longo prazo. O que falta é vontade política”, sinala Rego. Galicia, lembra, exporta máis do 40% da electricidade que produce, polo que a enerxía non é o problema.
O BNG reclama tamén que o Goberno obrigue a Alcoa a cumprir cos investimentos comprometidos, nomeadamente a construción do forno de ánodos, clave para asegurar o futuro industrial da fábrica. Como medida adicional, propoñen a concesión de créditos reembolsábeis para garantir a execución destes investimentos.
Finalmente, Rego insiste na necesidade de que a intervención pública non se descarte. “A SEPI debe estar preparada para actuar se a multinacional insiste na súa estratexia de bloqueo. Se Alcoa non quere producir, que deixe paso a quen estea disposto a facelo. O Estado debe priorizar os intereses da Mariña fronte aos dunha multinacional sen compromiso co territorio”, conclúe.