O BNG esixe ao PP unha data concreta para a apertura do punto de encontro familiar de Cervo

A deputada do BNG Ariadna Fernández reclamou ao Partido Popular que fixe dunha vez unha data concreta para a posta en funcionamento do punto de encontro familiar de Cervo e que deixe de realizar anuncios “reiterados” sobre un servizo que continúa sen estar operativo. A nacionalista lembrou que foi no ano 2022 cando a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou a súa apertura, asegurando daquela que estaría en marcha no primeiro semestre de 2023.
Fernández denunciou a “falta de dilixencia” da Xunta e criticou que se utilicen anuncios recorrentes “para tapar a incapacidade de poñer en marcha estes centros”. Segundo explicou, a situación de Cervo non é un caso illado, xa que outros puntos de encontro familiar, como os previstos en Lalín ou Verín, levan anos sendo anunciados sen que cheguen a abrir nin a prestar o servizo para o que foron concibidos.
No caso concreto de Cervo, a ausencia deste recurso obriga ás familias e ás crianzas a desprazarse ata Lugo, cun impacto directo en tempo, gasto en combustible e incomodidade para as persoas usuarias, unha situación que o BNG considera innecesaria e evitable se se cumprise cos compromisos adquiridos.
Por este motivo, a formación nacionalista anunciou que volverá presentar iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións ao PP pola demora acumulada. “Queremos saber cando se van poñer en funcionamento estes centros, que se marque unha data fixa e que se deixen de facer anuncios reiterados, porque o único que evidencian é unha falta total de compromiso coas familias”, concluíu a deputada.