O BNG esixe a construción do polígono industrial do Valadouro

AMariñaXa
O BNG esixe a construción do Polígono industrial do Valadouro que leva trece anos paralizado, desde que o PP chegou á Xunta
rotonda valadouro
15 Out 2022

O BNG reclama para Valadouro e a súa comarca a construción dun polígono industrial que o PP ten paralizado dende hai 15 anos. Ditas obras foron planificadas pola Consellería de Vivenda e Solo, baixo a responsabilidade do BNG entre 2005 e 2009, pero non se executaron porque o Partido Popular ten o proxecto aparcado desde que chegou ao Goberno da Xunta.

O deputado por Lugo, Daniel Castro, denunciou que o Executivo popular “pon pau nas rodas en lugar de facilitar a posta en marcha dunha infraestrutura que é vital para o concello de Valadouro”. Neste sentido, acusou ao PP de ter parado un proxecto que favorecería a chegada de máis empresas:  “É o propio empresariado da zona quen fai esta denuncia abertamente”, destacou na súa intervención parlamentaria, na que defendeu a creación de máis solo industrial na comarca da Mariña para favorecer a implantación de novas actividades empresariais.

Unha comarca, remarcou, “que nos últimos anos só recibiu malas noticias en termos industriais por parte dun Executivo galego que ten a competencia en materia de política industrial”. De feito, denunciou que dende que goberna o PP “sucedéronse os peches,  os despedimentos e as deslocalizacións de empresas na Mariña, o que sumado á situación de ALCOA e do sector pesqueiro, -agora co veto á pesca de fondo-,  xera unha enorme incerteza e preocupación na comarca”. 

Precisamente para contrarrestar este momento de crise, son urxentes equipamentos e infraestruturas como a que aportaría ao concello e ao conxunto da Mariña o parque industrial do Valadouro que o Partido Popular se empeña en vetar desde a Xunta.

PARTIDO POPULAR

O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe que socialistas e nacionalistas levan 8 anos “desatendéndose” da creación do Polígono industrial do Valadouro e tan só parecen lembrarse deste asunto “cando se aproximan unhas eleccións”.

O parlamentario popular reclama que o Goberno local e a Deputación de Lugo (ambos en mans de PSOE e BNG) expliquen por que “agora non lles vale” o convenio que asinaron para executar estas obras. Este acordo, que data de maio de 2015, para promover esta zona industrial, “aínda non se cumpriu, nin teñen vontade real de facelo”.

O parlamentario fixo esta afirmación no transcurso do debate que tivo lugar esta mañá na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia onde o BNG pedía á Xunta que impulsase os trámites para a posta en marcha deste polígono “cando son eles mesmos as administracións nas que teñen responsabilidade de goberno, os que manteñen esta infraestrutura paralizada”

Balseiro lembra tamén que o paso “máis relevante” dado polas forzas do bipartito municipal foi a da colocación de estacas en vésperas das pasadas eleccións que, por certo, “foron retiradas á semana seguinte”. Este comportamento é “unha burla e unha tomadura de pelo á veciñanza”

Os avances máis significativos con gobernos populares

Pola contra o deputado popular sostén que os avances máis significativos no que respecta ao polígono sempre tiveron como protagonistas gobernos populares, “tanto no Concello como na Xunta” e, de feito, o pasado mes de setembro a administración autonómica someteu a información pública a modificación do plan sectorial de áreas empresarias de Galicia para recoller o novo emprazamento do polígono, “decidido e imposto polo Concello como promotor da obra”.

En cambio, a actitude do actual goberno local sempre foi a de poñer “paos nas rodas: primeiro non lles valía a situación orixinal do polígono a pesar de que era máis grande e máis próxima a Ferreira que o emprazamento actual imposto polo Concello (recortouse de 118.375 a 83.622 metros cadrados). Despois, botaron por terra a proposta feita por un grupo de empresarios que estaban dispostos a sufragar a compra de terreos nun emprazamento alternativo. E, finalmente, tardaron 8 anos en solicitar a Xunta que modificase o plan sectorial de áreas empresariais, retrasando este trámite que so fixeron tras recibir as queixas do grupo municipal popular”.

Balseiro conclúe sinalando que O Valadouro leva anos aspirando “con frustración” a dispoñer dun polígono industrial que permita a dotación dunha oferta de solo atractiva e suficiente para localizar industrias e implantar novas actividades económicas, que favorezan o desenvolvemento da zona e o emprego e sinala, “que só será posible cando o PP recupere o goberno da vila, porque son os únicos que se comprometen con este proxecto”

O deputado nacionalista preguntouse “cal é a razón para que o Goberno do PP se negue a apoiar algo que daría beneficio e futuro a xente da Mariña”, sobre todo cando o concello xa dispón dos terreos. “Son unha decepción para a veciñanza de Valadouro, que leva dez anos vendo como a Xunta do PP paraliza unha iniciativa que todas e todos queren, persoas ás que se lles nega o futuro na súa terra”, concluíu.

0.21851682662964