O BNG e Galiza Nova celebran diversos actos na Mariña polo Día de Galicia
Na Mariña, o BNG e Galiza Nova organizan actos en diferentes localidades da comarca, de carácter lúdico, festivo e reivindicativo para celebrar o Día da Patria Galega que se conmemora o 25 de xullo.
Despois dos procesos electorais vividos no último ano, “o BNG é unha forza política claramente á alza que non deixa de medrar elección tras elección e cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galicia forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP” , afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.
En termos semellantes pronunciouse María Carballal, responsable comarcal de Galiza Nova que afirmou tamén que “traballamos por unha Galicia en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas. Unha Galicia en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción”.
Actividades polo Día de Galicia
Este sábado, 2o de xullo, en Foz, a partir das 19.30 horas, diante da lonxa, terá lugar a XXIX edición da Festa da Patria en Foz, cos tradicionais chicharros lañados, e a actuación de Os Lambós e Dj´s Di Pacolo e compañía.
Pola súa parte, o domingo 21 de xullo terá lugar a XVII Manifesta da Patria en Barreiros, na área recreativa de A Insua, onde se celebrará un xantar, a habitual “bonitada do Bloque”, con sesión vermú a partir das 13.00 horas amenizada por Dj e un grupo de música tradicional. O xantar será ás 14.30 horas e ao longo da xornada haberá diversas actividades.
Xa o martes, 23 de xullo terá lugar un Parladoiro-Foliada en Burela organizada por Galiza Nova a partir das 20.00 horas na antiga Praza de Abastos de Burela. Na mesa do Parladoiro, que tratará sobre 'O movemento feminista da Mariña', participará a escritora Lucía Ferro e a traballadora cultural Silvia Fiallega. A partir das 21.00 horas terá lugar a foliada.
Desde o BNG animan tamén a asistir á manifestación do día 25 que partirá da Alameda compostelá á 12.00 horas e que rematará na Praza da Quintana, así como ás actividades que ao longo do día se van desenvolver dando continuidade ás do día 24 dentro do Festigal.