O BNG do Vicedo opónse á suba da taxa do lixo e denuncia a precariedade no servizo de reciclaxe

O grupo municipal do BNG do Vicedo manifestou o seu rexeitamento á suba da taxa do lixo, aprobada no Pleno extraordinario do pasado 11 de abril, no que tamén se deron luz verde aos orzamentos municipais para o exercicio 2025. A formación nacionalista foi a única que votou en contra deste incremento ao considerar que supón unha carga inxusta para a veciñanza, especialmente nun contexto de servizos deficitarios.
Durante a sesión plenaria, o portavoz do BNG alertou de que o aumento do canon de Sogama ten un impacto directo sobre as finanzas do Concello, pero tamén sobre o peto da cidadanía. “É evidente que a suba do canon de Sogama afecta directamente o noso concello e, polo tanto, á veciñanza”, advertiu.
Ademais, cuestionou as afirmacións do goberno local sobre unha posible rebaixa do custo mediante unha reciclaxe correcta, algo que considera inviable coas condicións actuais. “Fálase dunha hipotética rebaixa do custo se se fai unha reciclaxe correcta, algo imposible de levar a cabo pola falta de medios que sofren os veciños nesta materia”, sinalou. Segundo o BNG, existen carencias notables en materia de infraestruturas para a reciclaxe, como a escaseza de contedores para plástico e cartón –con parroquias que contan con só un destes recipientes–, a ausencia de soportes e bases axeitadas para os colectores e a deficiente limpeza dos mesmos.
Desde a formación nacionalista consideran que a cidadanía “non pode seguir asumindo máis custes por un servizo que está claramente en precario”, polo que reiteran o seu compromiso de seguir traballando en defensa dos intereses da veciñanza do Vicedo.