O BNG do Valadouro pide executar e desenvolver o polígono industrial
O deputado mariñao do BNG Daniel Castro reuníuse cos representantes nacionalistas do Valadouro, que lle trasladaron a situación de boicot e parálise por parte da Xunta á posta en marcha do polígono industrial, algo prioritario para que o Concello e a súa zona de influencia poidan dispoñer de solo industrial e comercial.
O tenente alcalde Eduardo Chao e o concelleiro Eliseo Teijeiro incidiron no feito de que a "Xunta e o Partido Popular levan unha década dándolle as costas ao concello do Valadouro e a toda a veciñanza neste importante asunto, vital para o desenvolvemento da zona e o asentamento de poboación".
Recordan os nacionalistas que "foi o BNG o primeiro grupo político que impulsou xa hai anos o primeiro proxecto para o polígono, no 2006 desde o goberno da Xunta, cando tiveron a responsabilidade da Consellería de Vivenda e Solo e desde donde se fixo un importante traballo redactando proxectos, axilizando trámites e facendo reunións desde a consellería con alcaldes, empresarios e grupos políticos, todo esto entre os anos 2006 e 2009". “A partír de aí, o PP entra no goberno da Xunta e todo empeza a ser atrancos para O Valadouro, co beneplácito do PP local que nunca esixíu á Xunta o que tiña que esixir para o noso concello e dez anos despois siguen a poñer paus nas rodas a este proxecto, escudándose sempre en temas burocráticos cando a realidade é que nunca quixeron apostar polo Polígono Industrial do Valadouro, pois tempo tiveron” afirmou Eduardo Chao.
Agora xa hai terreos adquiridos por parte do Concello, o BNG desde o Parlamento e por medio do deputado mariñao Daniel Castro vai instar á Xunta á posta en marcha, execución e desenvolvemento do polígono para o que van a solicitar que o IGVS destine os fondos necesarios a tal efecto.
SEN APOIO DO PP
Daniel Castro fixo referencia tamén a que o Partido Popular non admitíu a emenda aos Orzamentos da Xunta 2022 presentada polo BNG na que se pedía esa consignación orzamentaria para o polígono do Valadouro, e votou en contra tamén de emendas semellantes presentadas polos nacionalistas que pedían dotación económica para o parque empresarial de Riotorto e para a 3ª fase do polígono industrial de Barreiros.
No mesmo sentido, o responsable comarcal Antonio Veiga advertíu da nula implicación do Partido Popular coa comarca en temas tan importantes coma o solo industrial, cando nestes momentos o que precisa A Mariña é apoio para o seu desenvolvemento industrial, empresarial e comercial.