O BNG do Valadouro denuncia a ruptura do goberno de progreso e a entrega da alcaldía ao PP
O BNG do Valadouro expresa a súa profunda desconformidade coa decisión da ata hoxe alcaldesa, María José Fernández, de romper o goberno local e ceder a alcaldía ao Partido Popular. Desde a formación nacionalista, consideran esta medida "fóra de toda lóxica e ética", xa que pon fin ao goberno de progreso conformado tras as eleccións municipais de 2023 mediante un pacto tripartito entre o BNG, o PSOE e Udival.
O BNG, que liderou diversas concellarías durante o mandato, destaca o seu traballo en áreas como Medio Rural e Cultura, a cargo de Eduardo Chao, así como Educación, Conciliación e Obras, dirixidas por Eliseo Teijeiro. "Conseguíronse melloras importantes para o concello, como novas infraestruturas, dinamización social e organización de eventos clave", apuntan dende o BNG.
Eduardo Chao criticou que o Partido Popular acceda ao poder "pola porta de atrás" e cualificou a situación como un exemplo de "xogo sucio". O voceiro do BNG recorda que a alcaldesa agora cede o cargo á persoa que ela mesma apoiou para ser destituída nunha moción de censura en 2013. "Cando a esmola é tan grande, ata o santo desconfía", sentenciou Chao, subliñando que esta manobra beneficia ao PP, partido que "deixa ao Valadouro sen médicos".
Finalmente, o BNG asegura que seguirá traballando para liderar de novo un goberno de progreso en beneficio da veciñanza, co obxectivo de recuperar a confianza e o apoio dos cidadáns do Valadouro nas próximas eleccións.