O BNG do Valadouro contará contará con dúas concellerías tralo pacto
No pleno de ontes efectivizouse a entrada dos nacionalistas no goberno municipal do Valadouro no que Eduardo Chao será o 1º tenente alcalde e responsable da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística e Medio Rural e Eliseo Teijeiro será o 3º tenente alcalde e responsable da Concellería de Obras e Deporte.
“Entramos a formar parte do goberno municipal con moitas ganas de traballar polo Valadouro, igual que fixemos no mandato anterior, e ratificando o noso compromiso con todas e todos os veciños do concello” manifestou o portavoz nacionalista Eduardo Chao, que valorou tamén xunto con Eliseo Teijeiro o resultado da votación das dedicacións parciais aos concelleiros do Bng: “A nosoutros non nos move o interés por unha dedicación parcial, a nosoutros preocúpanos o Valadouro e os problemas e as necesidades da súa veciñanza, e ese traballo imos facelo independentemente de se percibimos algún tipo de salario parcial ou non”.
Os edís nacionalistas referíronse tamén á postura adoptada polo Partido Popular secundada pola concelleira de Udival e mais pola concelleira do PSOE que provocou a non aprobación das dedicacións parciais de concelleiros e alcalde, e neste sentido Eduardo Chao recordou que en xuño de 2011 o BNG, e el concretamente, apoiou que o daquela alcalde electo do PP José Lamela tivera salario. “Nada se pode esperar desta xente, que supedita a súa actuación na política municipal a oscuros intereses, e sobre todo nun partido coma o Partido Popular que navegou e navega sempre moi ben polas cloacas do transfuguismo”, afirmou Chao.
A vida municipal no Concello do Valadouro tén que seguir e o BNG traballará arreo para impulsar novas medidas e programas desde as súas concellerías para mellorar a calidade de vida da veciñanza, remataron afirmando os nacionalistas.