O BNG denuncia unha trama de empresas vinculadas ao PP que reciben contratos millonarios

TerraChaXa | AMariñaXa
O BNG denunciou no Parlamento o trato de favor por parte da Xunta a determinadas empresas tecnolóxicas, como Indra,  e Veris, a través de cuantiosos contratos por importe superior a 70 millóns de euros a cambio da prestación de servizos informáticos e tecnolóxicos.
17 Mar 2019

O BNG denunciou no Parlamento o trato de favor por parte da Xunta a determinadas empresas tecnolóxicas, como Indra,  e Veris, a través de cuantiosos contratos por importe superior a 70 millóns de euros a cambio da prestación de servizos informáticos e tecnolóxicos.
“Hai que ter en conta que estas empresas foron multadas pola Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) o pasado 1 de agosto de 2018 por argallar un cartel de empresas, así o di o propio órgano de control, para amañar adxudicacións de contratos por servizos tecnolóxicos e informáticos con administracións públicas”, explicou o deputado Luís Bará en Comisión parlamentaria.
Por iso, o BNG pide á Xunta que leve a cabo unha investigación “pola posible actuación deste cartel tamén en Galiza, pois estas empresas recibiron ducias de contratos millonarios, están empotradas na administración pública, mesmo se pode dicir que son prolongacións da propia administración, e recibiron contratos das consellerías e de organismos da Xunta”, explicou Bará.
Na súa argumentación, o deputado fixo constar ante a directora xeral de Avaliación  Administrativa, Natalia Prieto, “a existencia de numerosos contratos adxudicados a dedo desde 2011 polo procedemento de negociado e sen publicidade”. Por exemplo, desde o SERGAS eses contratos sumaron máis de 5 millóns de euros.
“Falta transparencia e sobra opacidade neste ecosistema de empresas, moitas delas multinacionais que se están lucrando da privatización de servizos públicos como ocorre na sanidade, e pedimos que se estude, se investigue e se aclare a actuación deste cartel en Galiza”, insistiu Bará.
A modo de exemplos, citou os contratos de atención 012 adxudicados en 2011 a unha empresa de capital risco, Contac Nova do grupo Netadccede-, creada en 2009 por ex altos cargos da Xunta e do PP, “entre eles o ex director xeral de informática”. Foi beneficiaria de numerosos contratos nos últimos 8 anos, “como o de atención telefónica e de cita previa do SERGAS desde 2011 por valor de 9 M€”.
Neste contexto, o BNG solicitou todos os contratos para analizar este entramado de empresas tecnolóxicas “que medran ao amparo do PP”, de feito, indicou Bará a modo de exemplo, o presidente da Xunta mantivo un encontro en 2014 cos responsables de Everis, outras das firmas sancionadas pola CNMV, “e vese que a reunión deu resultado porque desde entón non fixeron máis que recibir cuantiosos contratos da administración galega”, concluíu Bará.

0.17873883247375