O BNG denuncia que os veciños do Valadouro quedaron sen médico
As veciñas e veciños do Valadouro atopáronse este martes coa desagradable sorpresa de que están sen médico no centro de saúde da localidade. Os pacientes que se achegaron ao centro encontráronse coa ausencia do facultativo, sendo informados polo persoal do centro que tiñan que acudir ao centro de saúde de Alfoz en caso de urxencia ou ao PAC de Burela, porque ata luns non haberá cita presencial.
Aínda que aseguran que os veciños que se desprazaron ata Alfoz tiñan dada cita telefónica. Desde o BNG local esixen a inmediata cobertura da praza, e desprazáronse ata o centro de saúde, donde acompañados de parte da veciñanza colocaron unha faixa baixo o lema de “O Valadouro na defensa da Atención Primaria. Prazas cubertas sempre”
O portavoz do BNG, Eduardo Chao, manifestou que o que acontece coa sanidade e coa Atención Primaria na comarca e especialmente no Valadouro non é de recibo. “Sse esta é a Galicia que funciona, apaga e vámonos, porque o Valadouro leva tempo sufrindo o desastre que o PP tén montado na Atención Primaria, porque a veciñanza do Valadouro non esquece que eles foron tamén os que suprimiron aquí o servizo de pediatría”.
Afirmou tamén que a Xunta segue a desatender os servizos dos concellos pequenos e “non podemos permitir a perda dun servizo máis, a Xunta tén que facilitar a vida a todas e todos os que viven no rural e un dos principais servizos é a atención sanitaria, por iso non lle imos permitir ao PP ningún ataque máis á atención primaria no noso concello”