O BNG denuncia que O Valadouro volve quedar sen médicos no centro de saúde

AMariñaXa
Os nacionalistas esixen a cobertura inmediata das prazas e non descartan novas mobilizacións veciñais
medicos_o_valadouro_bng
5 Feb 2026

As veciñas e veciños de O Valadouro atopáronse de novo esta semana cunha situación que xa viviran hai menos de dous anos: a ausencia de médicos no centro de saúde da localidade. Un problema que xa se producira en abril de 2024 e que, tras importantes mobilizacións veciñais, fora resolto de maneira provisional coa cobertura das prazas.

Desde o BNG lembran que aquela problemática fora levada ao Parlamento galego o 17 de abril de 2024 a través do deputado mariñao Daniel Castro, quen xa daquela advertira de que a solución ofrecida pola Xunta non abordaba o fondo da cuestión. Segundo sinala o parlamentario, a resposta recibida naquel momento facía prever que se trataba dun “parche”, unha situación que, ao seu xuízo, se repite en moitos centros de saúde da Mariña e do conxunto do país.

Castro subliña ademais que a falta de persoal médico en O Valadouro non responde a circunstancias imprevistas, xa que deriva de dúas xubilacións anunciadas con antelación. “Non era un feito puntual nin accidental, senón unha situación perfectamente previsible”, apunta.

Ante este novo escenario, o BNG local esixe a cobertura inmediata das prazas vacantes e anuncia que levará o asunto ao vindeiro pleno municipal. O portavoz nacionalista, Eduardo Chao, advertiu de que non descartan retomar as mobilizacións se a situación non se resolve de maneira urxente. “Non imos permitir que o PP deixe ao Valadouro sen médicos”, afirmou.

A precariedade da Atención Primaria súmase, segundo denuncia o BNG, a outras carencias de servizos básicos no municipio, como a situación da oficina de Correos de Ferreira, que dá servizo tamén a Alfoz e onde faltan dous carteiros tras non cubrirse unha xubilación e unha baixa. Neste contexto, Chao cualificou de “sarcástica e cruel ironía” que no Valadouro falten dous médicos e dous carteiros mentres o municipio conta con dous senadores, lembrando unha reflexión realizada por un veciño durante as mobilizacións de hai dous anos.

⚙ Configurar cookies
0.077205896377563