O BNG denuncia que o Concello de Ribadeo acumula case un millón de euros en facturas pendentes do 2024

O BNG de Ribadeo volveu cargar contra o goberno municipal do PP ao revelar que a débeda acumulada en facturas sen pagar do exercicio 2024 ascende xa a 952.791,76 euros. Segundo explicou o portavoz nacionalista, Pablo Vizoso, “ao principio estimamos que a cantidade rondaba os 662.000 euros, pero agora, con todas as facturas actualizadas, a cifra case alcanza o millón de euros”. Vizoso asegura que estes datos constan no informe oficial de intervención, documento que, segundo denuncia, lles foi negado en múltiples ocasións.
“Non se trata só dun dato económico, estamos falando de familias, de traballadores autónomos e de pequenas empresas locais que levan máis dun ano esperando a cobrar polos servizos prestados ao Concello”, afirmou. O nacionalista insistiu en que esta situación é consecuencia directa da “descontrolada xestión económica do PP”, que estaría hipotecando o presente e futuro de Ribadeo.
“O goberno de Daniel Vega esgotou partidas orzamentarias do 2025 cando aínda queda medio ano por diante, e apenas declararon aforros por valor de 224.753 euros. A pregunta é clara: como e cando pensa pagar o alcalde estas facturas?”, reflexionou Vizoso, criticando o que cualifica como “falta total de planificación”.
Desde o BNG pídenlle ao goberno municipal que rectifique “antes de afundir economicamente o Concello”. “O PP non pode seguir instalados na súa autocompracencia mentres o tecido empresarial local paga as consecuencias”, concluíu Vizoso.