O BNG denuncia que o centro de saúde do Valadouro queda sen médicos

AMariñaXa
O deputado da Mariña, Daniel Castro, preguntou no Pleno pola situación do centro de saúde do Valadouro, sen médicos despois de dúas xubilacións previsibles
centro-de-saúde-O-Valadouro-BNG
27 Xuño 2024

O deputado da Mariña, Daniel Castro, preguntou no Pleno pola situación do centro de saúde do Valadouro, sen médicos despois de dúas xubilacións previsibles, e advertiu que a día de hoxe xa hai veciños que “están cambiando as súas cartillas ao centro médico de Alfoz por medo a quedar desatendidos”. Castro lembroulle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que a mediados de abril a veciñanza do Valadouro se manifestaba no seu centro de saúde porque “basicamente non tiñan médicos”, para recriminarlle despois ao PP que non cubra nin xubilacións, nin baixas nin nada” sen garantir así o seu dereito a ser atendida pola sanidade pública.

O deputado nacionalista destacou tamén que hai máis dun ano se xubilaba con 70 anos un dos dous médicos do centro, ironizando con que  “non se vía vir”. Denunciou que “entre marzo e abril, os veciños e veciñas que acudían  ao centro de saúde comprobaban que non había ningún facultativo e que, co paso das semanas, seguía sen habelo”. E todo isto “por unha nova xubilación, algo -volveu ironizar- totalmente inesperado”. Castro trasladou as queixas da veciñanza pola situación mantida durante o tempo para subliñar que “a única solución que o Sergas puxo enriba da mesa foi que unha médica fose pasar consulta algunhas horas algúns días, nun centro de saúde que tiña que ter dous médicos ou médicas”.

Apuntou que, “casualmente”, o día anterior á concentración do 14 de abril, o Sergas aseguraba que ía recuperar a normalidade da situación, “pero aquí pasou algo moi diferente”, lamentou, e especulou sobre dúas posibilidades: ou ben que “o PP considera normalidade que nun concello que ten que ter dous médicos só se pase consulta unhas horas á semana ou ben que basicamente lle mentiron á xente do Valadouro para intentar que a concentración non fose tan ben”.

A día de hoxe a realidade é que “hai habitantes do Valadouro que están a pasar a cartilla para o concello de Alfoz pola sinxela razón de que no seu concello non teñen garantida a atención sanitaria”, recalcou. É por iso que Castro lle preguntou ao PP se “van volver mentirlle á xente ou se a veciñanza se ten que acostumar a que non haxa persoal médico no centro de saúde”, dixo en alusión ao que fixeron  no de Ribadeo, Foz, Trabada, Viveiro, O Vicedo, Cervo, Muras ou A Pontenova nos que, ante a falta de médico, “actuaron como se non pasase nada”.

0.1918318271637