O BNG denuncia que a Xunta rexeita asumir a xestión do Conservatorio de Viveiro

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, criticou a negativa do Partido Popular a que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade sobre o Conservatorio de Viveiro. O rexeitamento do PP á proposición non de lei presentada pola deputada do BNG Cristina Fernández Davila no Parlamento galego supón un freo ás demandas da comunidade educativa, que xa reuniu case 9.000 sinaturas a favor desta reivindicación.
O goberno galego argumenta que o Conservatorio de Viveiro foi creado por iniciativa municipal, polo que rexeita incorporalo á súa rede de centros oficiais, deixando ao Concello en solitario co seu financiamento. Esta situación repítese noutros 22 concellos galegos que sufragan a educación musical profesional sen apoio da Xunta, a pesar de que a Consellería de Educación é a responsable de expedir os títulos oficiais.
No caso de Viveiro, o mantemento do Conservatorio supuxo en 2023 un gasto de 1.141.676,22 euros para as arcas municipais, unha carga que compromete recursos esenciais doutros servizos públicos. “Non é xusto que Viveiro teña que asumir en solitario esta responsabilidade. É o momento de que a Xunta actúe”, reclamou Bermúdez, quen advertiu do risco que supón para os concellos soportar este custo sen apoio autonómico.
O BNG reclama á Xunta que poña en marcha un plan de integración dos Conservatorios Municipais na súa rede oficial, garantindo un financiamento estable e unha educación musical accesible para toda a cidadanía. Ademais, Bermúdez lembrou que no acordo da moción de censura, Por Viveiro comprometeuse a solicitar que a Xunta asumise o 30% do custo do Conservatorio, o que suporía unha achega de 350.000 euros. “Esperamos que este compromiso se cumpra”, concluíu.