O BNG denuncia o rexeitamento do PP a destinar fondos ao saneamento no rural de Ribadeo

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo volveu poñer o foco no saneamento no rural tras o último pleno extraordinario e urxente celebrado no Concello, no que se abordaron asuntos de urbanismo, ciclo da auga e expropiacións na zona ZEC das Catedrais. A formación nacionalista denuncia que o PP rexeitou a súa proposta para destinar 100.000 euros do Plan Deputación a obras de saneamento nas parroquias, mantendo unha política que, segundo sinalan, deixa sen este servizo básico a unha parte importante da veciñanza.
Desde o BNG lembran que levan tres anos de mandato nos que o goberno municipal non destinou “nin un só euro” a actuacións de saneamento no rural, unha situación que consideran “unha verdadeira pena” e unha mostra de falta de interese polos núcleos rurais do municipio. Os nacionalistas defenden que a súa labor é facer propostas e achegar solucións, mentres que corresponde ao executivo local xestionar os recursos e solicitar os fondos necesarios ás administracións supramunicipais.
O debate produciuse nun pleno no que o alcalde, Dani Vega, explicou distintas cuestións de relevancia municipal, como a aprobación definitiva dun plan urbanístico para a construción de vivenda na rúa do cemiterio, a renovación do convenio plurianual con Acisa, a tramitación das expropiacións vinculadas ao programa Life na ZEC das Catedrais ou a información sobre os recursos presentados ante o Tacgal no proceso de licitación do ciclo da auga.
Pola súa banda, o equipo de goberno xustificou o seu posicionamento argumentando que presentou unha emenda alternativa á proposta do BNG, coa que se pretendía solicitar un convenio extraordinario de 250.000 euros á Deputación de Lugo para o saneamento nas parroquias, evitando así detraer fondos doutras áreas municipais. Con todo, desde o BNG insisten en que o resultado final foi o rexeitamento dunha proposta concreta e viable para mellorar o saneamento no rural, mantendo unha situación que consideran inxusta e prolongada no tempo.