O BNG denuncia o colapso da Atención Primaria en Ribadeo

AMariñaXa
A formación nacionalista acusa á Xunta de abandonar a sanidade pública e esixe solucións inmediatas
manifestacion-sanidad-ribadeo-2025
26 Feb 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadeo denuncia a grave situación da Atención Primaria no municipio, cualificándoa como un "abandono deliberado" por parte da Xunta de Galicia. Segundo a formación nacionalista, a falta de profesionais está a provocar unha deterioración progresiva dos servizos sanitarios, afectando directamente á veciñanza.

O BNG lembra que a atención pediátrica continúa sen estar garantida, deixando a máis de 900 nenas e nenos sen asistencia especializada durante boa parte do tempo. Ademais, a ausencia dunha matrona, dispoñible só un día á semana, impide que as mulleres embarazadas teñan acceso a clases de preparación ao parto ou atención prenatal axeitada.

Desde o BNG tamén denuncian a falta de cobertura dunha praza de médica de familia que permanece vacante desde decembro de 2023. A esta situación sumarase proximamente a xubilación de dúas profesionais máis, o que agravará aínda máis a precariedade do servizo. "A Consellaría de Sanidade mira para outro lado e non quere asumir a súa responsabilidade. Mentres tanto, os pacientes vense obrigados a acudir a diferentes profesionais sen poder ter un seguimento estable", advirten.

A formación nacionalista rexeita as escusas do goberno galego cando afirma que "non hai médicos dispoñibles" e considera que este problema é consecuencia directa da "política de desmantelamento da sanidade pública" por parte do Partido Popular. Segundo o BNG, Galicia ocupa o primeiro posto en saturación da Atención Primaria no Estado, e a Xunta só destina o 12 % do seu orzamento sanitario a este servizo esencial.

O BNG de Ribadeo esixe á Xunta unha solución inmediata para garantir unha sanidade pública de calidade, con profesionais suficientes para cubrir todas as necesidades da poboación. Ademais, anima á veciñanza a mobilizarse para reclamar uns servizos sanitarios dignos e denunciar o que consideran "un ataque deliberado contra a sanidade pública galega".

⚙ Configurar cookies
0.17581701278687