O BNG denuncia cinco anos de inacción no plan REXURBE de Mondoñedo

AMariñaXa
Os nacionalistas esixen prazos concretos e critican que os edificios adquiridos seguen sen rehabilitar e cubertos de lonas deterioradas
BNG-Mondonedo-rexurbe-2025
28 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de cargar contra o atraso acumulado nas intervencións previstas na área REXURBE de Mondoñedo, denunciando que “non se están cumprindo os prazos de execución fixados pola propia Consellería” e que tampouco se respecta a folla de ruta aprobada pola Xunta no seu Plan de Dinamización. O deputado mariñao Daniel Castro vén de presentar unha iniciativa parlamentaria esixindo explicacións e prazos concretos de actuación, nun contexto que cualifican de “inadmisible” despois de máis de cinco anos desde a declaración da zona como área de rexeneración urbana.

“Non é de recibo que o PP e a Xunta esquenzan a Mondoñedo durante tanto tempo”, asegurou o portavoz municipal do BNG, Eloi Cabanas, tras visitar a zona xunto co deputado. Segundo explicou Castro, o aspecto que presentan a día de hoxe os trece inmobles adquiridos polo IGVS no ano 2021 “é inconcibible”, xa que boa parte das actuacións comprometidas seguen pendentes. “Os resultados visibles son só lonas deterioradas polo paso do tempo cubrindo fachadas sen rehabilitar e ningunha vivenda entregada en réxime de alugueiro”, criticou o deputado.

Desde o BNG lembran que o propio Executivo galego anunciara un investimento de preto de 17 millóns de euros en Mondoñedo ata o ano 2024, para impulsar políticas de rehabilitación urbana, mellora do espazo público e dinamización económica e social. “A realidade deses anuncios millonarios é que só temos edificios cubertos de plásticos e promesas sen cumprir”, ironizou Cabanas.

O edil nacionalista tamén lle dirixe críticas ao goberno local do Partido Popular, ao que acusa de “permanecer impasible” ante esta situación. “O Concello non pode seguir mirando para outro lado. É hora de que Manuel Otero e o seu equipo se impliquen e esixan á Xunta que se poña a traballar en serio para facer da zona histórica un espazo atractivo e con vida”, subliñou.

“Pedimos menos propaganda en prensa sobre o REXURBE e máis feitos que axuden a frear o despoboamento e atraer novos veciños á cidade”, concluíu o portavoz municipal.

⚙ Configurar cookies
0.16996192932129