O BNG denuncia a mala calidade da comida na vivenda comunitaria de A Pontenova

O concelleiro do BNG en A Pontenova, Xorxe Gómez, e o deputado mariñao Daniel Castro reuníronse coas persoas usuarias da vivenda comunitaria pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais da Xunta de Galicia tras novas queixas polo servizo de comida subministrado por unha empresa de cátering.
Os residentes manifestaron o seu malestar pola deterioración da calidade das comidas logo dunha melloría puntual tras a visita do director do Consorcio. A problemática xa fora trasladada polo BNG ao Parlamento, onde a Consellería de Presidencia respondeu que a empresa de cátering cumpría co contrato e os estándares de calidade establecidos.
Ante a repetición das queixas, o BNG levará de novo o asunto ao Parlamento, esixindo que a comida se cociñe na propia vivenda comunitaria, que conta cunha cociña totalmente equipada pero aínda sen estrear. “A alimentación é un servizo esencial para a calidade de vida e o benestar das persoas usuarias dos centros sociais. A Xunta ten a responsabilidade de garantir alimentos de máxima calidade e alto valor nutricional”, declarou Daniel Castro.
O deputado insistiu en que a mellor solución pasa por prescindir do cátering e apostar pola elaboración dos alimentos na propia vivenda comunitaria con produtos de proximidade, garantindo así unha dieta máis saudable e axeitada ás necesidades dos residentes.