O BNG denuncia a “farsa sanitaria” do alcalde de Ribadeo

O BNG de Ribadeo volveu cargar esta semana contra o alcalde, Daniel Vega, a conta da situación do centro de saúde local. Segundo a concelleira nacionalista Raquel Ferreira, a realidade sanitaria do municipio “nada ten que ver coas promesas” do rexedor, quen asegurara recentemente que “están cubertas todas as prazas, baixas e vacacións dos médicos”.
Ferreira cualificou de “teatro mediático” as declaracións do alcalde tras a súa reunión co conselleiro de Sanidade e advertiu de que no centro de saúde ribadense “debería haber 8 médicos, pero só hai 4 ou 5, se hai sorte”. A edil asegurou que “catro médicos de oito están moi lonxe de ser todos, por moito que o diga Vega”.
A crítica céntrase especialmente nas tres prazas vacantes que quedaron sen cubrir tras a xubilación doutras tantas profesionais no último ano e medio. “Uns 3.000 veciños quedaron sen médico asignado”, denuncia o BNG, “e iso implica que ninguén realiza o seguimento dos seus problemas de saúde”.
Segundo relatan desde a formación nacionalista, as persoas destes cupos sen titular atopan esperas de máis de dúas semanas para conseguir unha cita ordinaria, e cando a logran, “aténdenos un médico diferente cada vez, que descoñece o historial do paciente”. Esta situación xera “retrasos, descontrol e unha atención de baixa calidade”, critican.
Ferreira tamén lamenta que tampouco se estean a cubrir as vacacións do persoal médico nin de enfermaría, o que engade presión sobre os profesionais que continúan traballando. “O centro de saúde está a funcionar en modo subsistencia”, resumiu a concelleira. “É certo que en caso de urxencia vas ser atendido, pero falla o máis importante: unha atención primaria sólida, estable e digna”.
Para a representante do BNG, a actitude do alcalde é “unha burla á veciñanza” e considera que as súas afirmacións son “mentiras deliberadas”. “Ou pretende facernos pasar por parvos —sinalou— ou vive na máis absoluta das ignorancias. E calquera das dúas opcións resulta moi preocupante”.