O BNG denuncia a falta de prevención de lumes en Ribadeo

O BNG de Ribadeo alerta de que, co inicio do outono, toda a comarca da Mariña se atopa en situación de risco potencial de incendios. Segundo sinalan os nacionalistas, o vento do sur e o secado progresivo da terra aumentan de maneira significativa a probabilidade de lumes incontrolados. “A experiencia así o demostra cada ano”, explican desde o partido.
As críticas céntranse no feito de que, a 25 de setembro, o Concello aínda non puxera en marcha os traballos do contrato de tratamentos preventivos mecanizados. Estes traballos deberían estar rematados, pagados e xustificados antes do 15 de outubro. “O convenio para levalos a cabo estaba asinado desde abril e, a pesar das prórrogas concedidas pola Xunta, non se iniciou nada”, denuncian desde o BNG.
O partido responsabiliza directamente ao alcalde, Daniel Vega, e ao seu goberno do PP pola “neglixencia” á hora de aplicar medidas preventivas. “Vense máis preocupados por anunciar festas que por protexer os montes e a veciñanza”, aseguran, lembrando que desde 2022 case non se viron actuacións na segunda faixa de protección arredor das casas e núcleos habitados.
Os nacionalistas lembran que Ribadeo foi en tempos un exemplo de boas prácticas na prevención de lumes e na protección de vivendas. “Con este goberno municipal imos cara atrás. Ribadeo merece máis; moito máis”, conclúen desde o BNG.