O BNG denuncia a falta de médicos en Xove e acusa ao PP de xogar coa saúde da veciñanza

AMariñaXa
Reclaman a cobertura permanente das dúas prazas no centro de saúde e presentan iniciativas no Parlamento galego
XOve-BNG-centro-de-saude-agosto-2025
29 Aug 2025

A situación sanitaria na Mariña continúa a ser motivo de alarma pola carencia de profesionais en numerosos centros de saúde. O verán deixou en evidencia, segundo denuncia o BNG, o progresivo desmantelamento da Atención Primaria na comarca.

O caso de Xove é especialmente significativo. O municipio contaba con dúas facultativas, pero desde o inicio da época estival, tras a xubilación dunha delas, só queda unha médica en activo que atende unicamente a súa propia cota. A praza vacante está a ser cuberta de maneira intermitente por persoal do PAC de Burela, o que provoca que a veciñanza non saiba con antelación que días vai dispor de servizo médico no centro de saúde local.

Ante esta situación, e tras numerosas protestas da poboación, o BNG puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas que conseguiu preto de 700 apoios en poucos días. O obxectivo era trasladar ao Xerente da Área Sanitaria a gravidade do problema. Non obstante, poucos días despois, rexedores do Partido Popular de varios concellos mariñaos mantiveron unha reunión coa Xerencia en Lugo e anunciaron que a prioridade sería reforzar a cobertura asistencial no verán.

“Desgraciadamente, tanto a xerencia como os alcaldes e alcaldesas presentes —de Xove, O Vicedo, Viveiro e Cervo— menten e prometen cousas que logo non cumpren. O Partido Popular segue a xogar coa nosa saúde”, criticou a portavoz municipal do BNG en Xove, Pilar Vázquez.

Desde o Bloque subliñan que, ao contrario do que asegura o Sergas, a asistencia sanitaria en Xove non está garantida. O deputado mariñao Daniel Castro anunciou a presentación de iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións polas xestións realizadas e reclamar a cobertura permanente da praza vacante. “Xove debe contar sempre con dúas médicas, tal e como lle corresponde”, advertiu.

⚙ Configurar cookies
0.16623902320862