O BNG denuncia a exclusión de seis asociacións das subvencións municipais no Valadouro

AMariñaXa
Os nacionalistas acusan ao goberno do PP de repartir axudas “a dedo” e esquecerse do tecido asociativo de varias parroquias
centro-de-saúde-O-Valadouro-BNG
3 May 2025

O Grupo Municipal do BNG no Valadouro vén de criticar a aprobación dos orzamentos municipais presentados polo Partido Popular, co apoio de Udival, nos que aseguran que seis asociacións do concello quedaron excluídas das subvencións previstas para o presente exercicio. O pleno no que se aprobaron as contas celebrouse o pasado 15 de abril, coa oposición do grupo nacionalista, que denunciou o que cualifican como unha “discriminación inxustificable” no reparto de axudas.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista Eliseo Teijeiro, nos orzamentos do ano anterior, cando o BNG formaba parte do goberno, destináranse 70.000 euros a subvencións para asociacións, repartidos “sen distincións nin favoritismos, con criterios claros e equitativos”. Pola contra, nas contas aprobadas este ano, só dúas asociacións aparecen nomeadas como beneficiarias dunha achega económica, mentres que outras seis, con actividade consolidada nas súas parroquias, foron excluídas.

Teijeiro acusou ao novo executivo do PP de retomar “as prácticas de reparto a dedo, sen transparencia nin igualdade de trato”, e lamentou que se prescinda da concorrencia competitiva como mecanismo xusto para distribuír os recursos públicos entre o tecido asociativo do concello.

Os nacionalistas tamén puxeron o foco no apartado de investimentos incluído nos orzamentos, que ascende a 515.000 euros. Segundo sinalaron, máis do 60% desa contía corresponde a actuacións que xa foran tramitadas e previstas polo anterior goberno local, polo que critican que o PP “intente atribuírse como propia unha xestión herdada, sen achegar proxectos novos nin propostas propias”.

Ademais, o BNG anunciou que volverá levar ao pleno do próximo 7 de maio unha moción na que solicitará a recuperación das feiras e actividades gandeiras que foran impulsadas polo anterior executivo. O concelleiro Eduardo Chao expresou a súa confianza en que esta vez a proposta sexa debatida e aprobada, tras quedar fóra da orde do día no anterior pleno ordinario. “As feiras son unha ferramenta esencial para dinamizar o sector agrogandeiro e a economía local, e non se entende que un goberno que di defender o rural as deixe caer”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.16754984855652