O BNG denuncia a “deixadez temeraria” do PP de Ribadeo por non licitar os traballos forestais en prazo

O grupo municipal do BNG de Ribadeo criticou con dureza ao goberno local do Partido Popular por, segundo aseguran, perder unha subvención da Xunta de Galicia por valor de 25.000 euros destinada a labores de desbroce forestal preventivo. A formación nacionalista advirte que, por segundo ano consecutivo, estes traballos non se completaron, o que, ao seu xuízo, supón un risco evidente ante posibles incendios.
O voceiro do BNG, Pablo Vizoso, lembrou que xa hai unhas semanas alertaran desta situación. “Avisamos de que o goberno municipal aínda non licitara os desbroces forestais deste ano e de que o prazo remataba o 15 de outubro. Pedímoslles que fixeran rápido e ben o procedemento para poder recibir os 25.000 euros da subvención”, explicou. “Por desgraza, o prazo xa rematou e comprobamos que non foron capaces de tramitalo en tempo e forma. Perden os cartos, pero o máis grave é que deixan sen facer uns desbroces que son imprescindibles para previr incendios”, engadiu.
Vizoso recordou tamén os recentes episodios de lume rexistrados no municipio, e cualificou a situación de “temeraria deixadez” por parte do alcalde, Daniel Vega, e do seu equipo. “Hai pouco sufrimos as consecuencias dos incendios forestais, e agora o goberno local actúa como se nada pasase. Non o entendemos”, insistiu.
Desde o BNG denuncian que a perda desta subvención non é un caso illado. “Levamos tempo observando unha constante perda de axudas por parte do PP de Ribadeo debido á súa incapacidade para xestionar. Son xa miles e miles de euros que se esfuman por esta razón”, asegurou Vizoso.
O edil nacionalista advertiu de que esta situación ten consecuencias tanto económicas como ambientais. “Ribadeo non pode permitirse un goberno que despilfarra recursos propios, que tira ao lixo as subvencións que se lle conceden e que mantén o Concello nunha parálise total”, lamentou.
Finalmente, Vizoso reclamou ao executivo local que cambie de actitude e se centre nas necesidades reais do municipio. “Pedímoslle ao PP que deixe de buscar escusas para xustificar a súa incompetencia e que se poña a traballar dunha vez no importante: garantir a seguridade da veciñanza e o coidado do noso entorno natural”, concluíu.