O BNG demanda persoal e medios para recuperar o horario completo na oficina de Correos de Foz

O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia unha vez máis a situación da oficina de Correos en Foz e reclama ao Goberno a adopción de medidas urxentes que garantan “un servizo postal digno para a veciñanza”. O nacionalista pide máis medios e persoal para cubrir a demanda existente, especialmente en épocas de grande volume de traballo, ademais de recuperar o horario completo da oficina.
Non é a primeira vez que os nacionalistas advirten desta situación “deficitaria” da oficina de Foz, marcada, din, pola falta de persoal para atender a cidadanía, o que segundo o BNG está a prexudicar gravemente a calidade do servizo no concello. Alertan, ademais, de que aos postos vacantes súmanse baixas e vacacións sen cubrir, o que obriga ao persoal a asumir unha carga de traballo que consideran excesiva e que ten un impacto directo na súa saúde laboral e na acumulación de correo sen repartir, ao tempo que se reducen os horarios de atención ao público.
“As deficiencias do servizo postal en Foz son xa un clamor social e político, con múltiples pronunciamentos en plenos municipais que reclaman ao Goberno solucións inmediatas: máis persoal, máis recursos e un horario adaptado ás necesidades da veciñanza, incluíndo a apertura os sábados pola mañá”, denuncia Rego, que acusa ao Goberno do Estado de xustificar os recortes asegurando que “o actual horario e o persoal existente permiten atender o volume de actividade actual”, unha afirmación que cualifica de “rotundamente falsa e allea á realidade diaria da oficina”.
Por outra banda, o deputado nacionalista denuncia que, mentres Correos asegura reforzar o persoal en períodos de maior actividade como o Nadal, procesos electorais ou a época estival, ditos reforzos son “puntuais e claramente insuficientes” e “non resolven o problema estrutural”, mantendo a precariedade do servizo e impedindo ampliar os horarios de atención.
Ante esta situación, Néstor Rego reclama ao executivo estatal “abandonar a política de recortes encubertos e actuar con responsabilidade para garantir un servizo público esencial en condicións dignas, tanto para o persoal como para a cidadanía”. Así mesmo, demanda aclaracións sobre a non cobertura das prazas vacantes e das baixas e vacacións, pese á existencia dunha carga de traballo constante e crecente. Para o Bloque, os esforzos deberían destinarse a aumentar o cadro de persoal, dotar de máis medios á oficina e recuperar o horario completo de atención ao público, incluíndo a apertura en sábado.