O BNG defenderá promover o consumo de peixe e produtos do mar en comedores e centros sociosanitarios

AMariñaXa
A moción de Carmen Silva insta ao Goberno a promover un mínimo de tres racións semanais de peixe e a recoñecer a dieta atlántica como modelo alimentario recomendable
peixe-corunha
20 Oct 2025

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá este martes, 21 de outubro, na Comisión de Dereitos Sociais da cámara alta unha moción para promover o consumo de peixe e produtos do mar, tanto nos comedores escolares como en hospitais e residencias de maiores. A iniciativa do BNG buscará o apoio do resto de forzas políticas para demandar o compromiso do Goberno do Estado para incorporar criterios específicos que garantan a presenza suficiente nas dietas.

Carme da Silva destaca que o BNG procurará “recoñecer o valor nutricional, social e económico do peixe e incorporalo de maneira efectiva ás políticas de alimentación saudábel e sustentábel”.

A senadora do BNG explica que a moción parte do feito de que o Real Decreto de Comedores Escolares e Sustentábeis, aprobado o pasado 15 de abril, entrará en vigor en abril de 2026, e propón que se incorporen criterios específicos para garantir unha presenza suficiente de peixe e produtos pesqueiros nas dietas escolares.

“A AESAN recomenda un mínimo de tres racións de peixe á semana e queremos que esa pauta se traduza nun compromiso real do Goberno coa saúde alimentaria e coa promoción da dieta atlántica” indica a senadora do BNG.

A moción recollerá na súa parte resolutiva que o Goberno deberá “promocionar unha pauta de recomendación para os segundos pratos dun mínimo de tres racións de peixe e produtos pesqueiros á semana nos comedores escolares, en liña coas recomendación da AESAN”. Do mesmo xeito, difundirá as propiedades saudábeis doutras dietas como a dieta atlántica, abundante en peixes, moluscos, mariscos e produtos do mar, como modelo alimentario recomendábel.

“En relación co Real Decreto para unha alimentación saudábel en hospitais e residencias, que actualmente está en tramitación, o Ministerio deberá ter en consideración outras alternativas de dieta máis alá da Mediterránea como pode ser a dieta Atlántica ou a Pesco-Mediterránea” sinala a senadora do BNG.

Así mesmo, Carme da Silva procurará o apoio do resto de forzas políticas para instar o Goberno a “evitar incluír o peixe no concepto de proteína animal como un todo e non segregado, dado que é un alimento máis saudábel e con diferentes características”.

“O Goberno debe ter en contas as tres vertentes –social, económica e ambiental- á hora de estabelecer os criterios de sustentabilidade, así como realizar recomendación en base a informes científicos sobre os beneficios nutricionais dos alimentos” explica a senadora nacionalista. Así mesmo, o Ministerio deberá promocionar o consumo de peixe e produtos pesqueiros polos seus elevados beneficios para a saúde e para unha dieta saudable.

⚙ Configurar cookies
0.12425494194031