Arranca Expomar: o BNG defende un novo estatus institucional e a Xunta pide revisar a Política Pesqueira Común

AMariñaXa
Unha representación do BNG asistiu ás XXXI Xornadas Técnicas de Expomar “Contra vento e marea”.
bng_expomar
9 Maio 2024

Unha representación do BNG asistiu ás XXXI Xornadas Técnicas de Expomar “Contra vento e marea”. O deputado provincial e delegado da Área de Mar e Medio Rural Daniel García, xunto co deputado no Parlamento Daniel Castro e membro da comisión de Pesca, o responsable comarcal Antonio Veiga e diversos cargos institucionais asistiron ao acto inaugural e ás ponencias e debates que se desenvolveron ao longo da tarde.

Daniel García destacou a importancia deste evento e do contido destas xornadas que son un referente para todo o sector a nivel galego e estatal, nunha comarca coma A Mariña donde a pesca ten suma importancia. Daniel Castro incidiu na necesidade un novo estatus institucional para Galiza na UE en materia pesqueira, recoñecendo formalmente o seu carácter como “Zona Altamente Dependente da Pesca” e posibilitando a súa presenza con dereito de decisión e obxección nas institucións comunitarias donde se adoptaren decisións en materia pesqueira.

Pola súa banda, o responsable comarcal Antonio Veiga quixo recordar a postura da súa formación manifestada xa en numerosas ocasións, tanto desde as institucións coma a nivel social, coma na concentración do pasado 6 de abril convocada en Burela, donde o BNG ao igual que as confrarías galegas e do Cantábrico Noroeste  rexeita  a instalación de eólicos na nosa costa porque os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña aquí non son compatibles cos usos existentes, nin coa escasa plataforma continental destas costas, que difire totalmente doutras zonas marítimas como o Mar do Norte ou o Mar Báltico.

A pesca, prioridade na axenda europea

Pola súa parte, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, aposta por conseguir que a revisión da Política Pesqueira Común se converta nunha prioridade na axenda europea co fin de garantir o futuro e a sostibilidade social, económica e ambiental da actividade pesqueira.  Durante a súa intervención, Villares fixo un chamamento “á reflexión conxunta”, pois a convocatoria das eleccións europeas, “tenos que levar a demandar aos novos representantes dos Estados membros unha Europa pesqueira máis forte”.

A pesca ten futuro e “estas xornadas axúdannos a dar luz e deben servir para adoptar as mellores decisións”, dixo. A clave está en “repensar Europa desde unha Galicia unida” engadiu. Neste contexto, destacou que, co proceso electoral, se abre a oportunidade e a responsabilidade de atender as demandas de todas as súas concas marítimas e comezar un debate político transparente que debería conducir a unha nova PPC, na que se reequilibren os seus alicerces sociais, económicos e ambientais. O contrario, explicou, “seguirá a supoñer un perigo para a supervivencia de parte da nosa frota pesqueira”.

Como exemplo citou a pesca de fondo: “Unha decisión arbitraria e sen estudos por parte de Bruxelas”. A este respecto, destacou que Galicia foi clara e crítica desde antes da entrada en vigor do Regulamento de Execución a finais de 2022, xa que esta decisión leva ano e medio afectando de forma indiscriminada ao arrastre e ao palangre de fondo; feito que provocou que fose recorrida ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola OPP-7 de Burela, cun recurso amparado pola Xunta de Galicia como parte coadxuvante, e que cifrou o impacto para a frota afectada en preto de 350 millóns de euros e para o conxunto da economía galega en 816 millóns de euros.

Pola súa parte, a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, destacou o papel que os produtos da pesca xogan nunha nutrición saudable e que contribúe a que España conte cunha das maiores esperanzas de vida de todo o mundo. Puxo en valor a importancia deste encontro anual para debater os principais retos de futuro que o sector español ten por diante. A secretaria xeral referiuse a dúas deles como son a substitución xeracional e a renovación e modernización da frota, ambos intrinsecamente interrelacionados. Sinalou que contar cun sector moderno e competitivo pasa por ter barcos máis seguros, confortables e eficientes, que incorporen todos os avances en dixitalización e contribúan a avanzar á senda da descarbonización.

0.21018099784851