O BNG de Xove rexeita a cesión das estradas provinciais por considerala “un disparate económico”

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian que o acordo supón unha carga insostible para as arcas municipais e critican a falta de planificación e transparencia
Pilar-Vazquez-BNG-Xove-2025
30 Jul 2025

O BNG de Xove votou en contra no pleno extraordinario no que se abordou o convenio para a cesión das estradas provinciais ao Concello, ao considerar que a operación constitúe “un disparate económico” que pon en risco o futuro financeiro do municipio. Así o asegurou a voceira nacionalista, Pilar Vázquez, quen cualificou o acordo como “un negocio redondo para a Deputación de Lugo, que nos meteu un gol por toda a escuadra”.

A formación advertiu que Xove se atopa nunha situación orzamentaria delicada, na que o propio Concello está obrigado a elaborar un plan económico-financeiro. “E en lugar de actuar con responsabilidade e prudencia, o que se fai é asumir o mantemento, xestión e responsabilidade patrimonial de 45 quilómetros máis de vías. Isto é unha hipoteca para o futuro”, sinalou Vázquez.

Desde o BNG critican que non se elaborase unha memoria económica previa que permitise avaliar o impacto real do convenio. Unha ausencia que, segundo apuntan, xa foi advertida nos informes técnicos emitidos pola Secretaría e Intervención municipal. “Estamos tomando decisións de enorme transcendencia sen datos claros sobre os custes a medio e longo prazo. É unha mostra clara de improvisación e falta de transparencia”, denunciou a portavoz.

O grupo nacionalista tamén puxo en dúbida a xustificación que se dá dende o goberno local para aceptar esta cesión. “Se o único argumento é que por fin se van arranxar as estradas, entón haberá que revisar a capacidade de negociación do alcalde”, sinalou Vázquez, lembrando que en concellos veciños se realizan arranxos periódicos de vías provinciais sen que exista ningunha cesión obrigatoria. “Se un alcalde que leva case 20 anos gobernando non foi quen de conseguir o arranxo das estradas con participación económica, haberá que cuestionar a súa eficacia política”.

As críticas tamén se dirixiron ao PSOE de Xove, ao que acusan de contradicións e falta de coherencia. “Pasaron meses falando de EREs, advertindo de riscos financeiros e opoñéndose a modificacións de crédito. E agora apoian un acordo que compromete a estabilidade económica do Concello para os vindeiros anos”, reprochou a portavoz nacionalista.

O BNG lembra que leva ofrecendo, desde o ano 2018, a súa colaboración para acudir de maneira unitaria á Deputación de Lugo e negociar solucións para as estradas, pero —din— nunca foron escoitados. “O que non vai facer o BNG é asumir o papel dun alcalde con dúas décadas de experiencia, que agora pretende tapar a súa incapacidade cunha decisión precipitada e gravosa para Xove”, engadiu Vázquez.

A formación considera que esta situación é “absolutamente excepcional e inxustificable”, e advirte que Xove será o primeiro concello da provincia —e probablemente de toda Galiza— en perder a súa rede de estradas provinciais sen ningunha garantía de viabilidade. “Non hai ningún outro alcalde que aceptase algo así. É unha decisión temeraria que pon en xaque os servizos municipais e a economía local”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.15941619873047