O BNG de Xove reclama máis seguridade en Montevelle e no parque infantil e critica a extinción da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica

AMariñaXa
O grupo nacionalista puxo enriba da mesa no Pleno de setembro iniciativas para mellorar a seguridade das veciñas e dos usuarios
Pilar-Vazquez-BNG-Xove-2025
16 Sep 2025

O BNG de Xove levou ao último Pleno ordinario varias propostas co obxectivo de reforzar a seguridade cidadá e o mantemento das infraestruturas de uso público. Entre elas, destacou a petición de habilitar un percorrido seguro para peóns e ciclistas en Montevelle, onde cada vez máis veciños e veciñas camiñan ou practican deporte.

“Dada a alta cantidade de persoas que empregan a pista circular, ben sexa para acceder aos circuítos BTT do Komando Xoviético ou simplemente para correr e andar, consideramos necesario garantir que non teñan que transitar pola estrada ata enlazar coa zona próxima á gasolineira”, explicou o concelleiro nacionalista Miguel García. A proposta pasa por aproveitar parte dos montes anexos á estrada para crear un tramo polo que poidan circular dúas persoas ou unha bicicleta con seguridade.

Outro punto de preocupación foi o parque infantil do Centro Cívico, onde, segundo denunciaron, existen deficiencias que comprometen a seguridade dos máis pequenos. “Non é a primeira vez que facemos este tipo de advertencias, e non pretendemos responsabilizar ao persoal municipal, pero cómpre estar máis atentos ao estado do mobiliario público, que é de todos”, sinalou a voceira local do BNG, Pilar Vázquez. Engadiu que as festas recentes puideron influír no desgaste dalgúns elementos, polo que tamén pediu á cidadanía máis coidado co equipamento común.

O Pleno aprobou tamén a extinción do servizo público da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica, logo de trinta anos de funcionamento. “Tras apoiar no mes de xullo a subvención ao novo Club Rítmica Xove, ao que lle desexamos toda a sorte, non nos quedaba outra opción que votar a favor deste trámite”, explicou Vázquez. Con todo, lamentou que se trate “da enésima privatización dun servizo público e da desaparición da única escola deportiva que xestionaba directamente o Concello”. Agora, segundo advertiu, a práctica totalidade das actividades deportivas en Xove dependen xa de clubs e asociacións.

⚙ Configurar cookies
0.098055124282837