O BNG de Xove reclama garantías para Alcoa e critica a actitude do alcalde e do PP local

O BNG de Xove deu inicio esta semana á súa estratexia de colaboración co grupo nacionalista de Cervo, tal e como anunciara, cunha moción presentada no pleno ordinario celebrado este luns. A iniciativa, centrada no futuro da factoría de Alcoa e na defensa dos dereitos laborais, contou coa presenza de membros do comité de empresa, aos que a voceira do BNG, Pilar Vázquez, agradeceu o seu apoio e confianza: “Sempre estivemos do lado dos traballadores e continuaremos levando as súas demandas ás institucións”.
A moción incluía unha serie de puntos clave, entre eles, instar ao Goberno do Estado a facer público o memorando de entendemento asinado polo Ministerio de Industria, Xunta, Alcoa e Ignis; esixir o cumprimento dos acordos laborais asinados coa representación sindical; reclamar a construción do forno de cocción de ánodos, a través de financiamento público, e garantir a estabilidade dos empregos das empresas auxiliares, ademais de contemplar unha posible intervención pública da SEPI se non se cumpren os compromisos.
Desde o BNG denuncian a falta de visión estratéxica do alcalde, a quen acusan de apoiar un memorando que “nin sequera coñece”, e de antepor intereses partidistas aos reais intereses do municipio.
A polémica intensificouse coa emenda de última hora presentada polo Partido Popular, que condicionou o seu apoio á moción á aprobación de parques eólicos actualmente paralizados. Para o BNG, esta esixencia evidencia que o rexedor está máis centrado en defender intereses empresariais que en garantir o futuro industrial e social do concello: “A estabilidade de Alcoa sería clave para asegurar ingresos e servizos municipais durante anos, pero parece que iso non lles importa”, concluíu Vázquez.