O BNG de Xove propón dixitalizar a reserva das instalacións deportivas municipais

O BNG de Xove levou ao Pleno ordinario deste luns unha proposta para implantar un sistema dixital de reserva das instalacións deportivas municipais, entre as que se inclúen o pavillón e a piscina municipais, a pista de pádel ou o campo de adestramento anexo ao estadio de fútbol.
A iniciativa, explican desde o grupo nacionalista, busca modernizar e facer máis áxil a xestión destes espazos públicos, ofrecendo ás persoas usuarias un acceso máis rápido e cómodo. “A idea é que se poidan facer as reservas sen necesidade de desprazarse ao Concello ou á piscina municipal, e incluso realizar o pago das taxas de xeito telemático”, sinalan.
Segundo o BNG, a posta en marcha do sistema sería “relativamente sinxela”, xa que os clubs, asociacións e entidades deportivas xa presentan cada ano o seu calendario de uso, polo que a información necesaria está dispoñible. “O único que falta é integrala nun sistema dixital e garantir que se manteña actualizada, para dar prioridade a posibles cambios ou necesidades das entidades deportivas”, apuntan.
A formación lembra que esta proposta non é nova: xa fora presentada no ano 2019, pero daquela non chegou a materializarse. Por iso, insisten agora en recuperala, ao entender que segue sendo “unha demanda moi estendida entre as usuarias e usuarios das instalacións municipais, que reclaman unha xestión máis moderna e adaptada aos tempos actuais”.
O BNG subliña tamén que a dixitalización non debe deixar a ninguén atrás. “Queremos que haxa unha opción presencial para aquelas persoas que non se manexen ben co formato en liña, porque o obxectivo é facilitar o acceso, non complicarllo a ninguén”, destacan.
A proposta pretende, en definitiva, aproveitar os recursos tecnolóxicos para mellorar o servizo público, garantir unha maior transparencia na xestión e facer máis sinxela a relación da veciñanza co Concello no ámbito deportivo.