O BNG de Xove inicia unha recollida de sinaturas ante a falta de reposición da médica de cabeceira

O BNG de Xove puxo en marcha este mércores, 2 de xullo, unha campaña de recollida de sinaturas para esixir á Xunta de Galicia a cobertura urxente da praza de médica de cabeceira no centro de saúde da vila, que permanece sen cubrir desde a xubilación da doutora Eiriz hai xa varios meses.
Segundo denunciou a responsable local do BNG, Pilar Vázquez, a situación está a provocar graves prexuízos para as persoas usuarias, que carecen dunha atención continuada e mesmo non poden pedir cita a través da aplicación móbil do Sergas, ao non haber ocos dispoñibles durante semanas. “A día de hoxe non hai citas antes do 28 deste mes”, advertiu.
Desde a formación nacionalista consideran que esta carencia é un novo exemplo do que cualifican como abandono por parte da Consellería de Sanidade e, en consecuencia, da Xunta de Galicia cara ao municipio. Vázquez lembrou que a degradación do servizo comezou coa non reposición do terceiro médico de familia, o que deixou a toda a poboación —cada vez máis maior e con máis necesidades asistenciais— nas mans de tan só dous profesionais, e que agora só queda unha facultativa con praza fixa no centro.
“O Partido Popular non fixo nada para reclamar a cobertura da praza da pediatra, e agora permanece de brazos cruzados mentres se afonda na precarización da atención primaria no noso concello”, criticou a portavoz do BNG.
A campaña de sinaturas pretende reclamar unha atención sanitaria digna e estable, freando o que consideran unha perda constante de dereitos nos pequenos municipios. “Levamos anos pedindo que se cubra a praza da pediatra, sen resposta. Agora está a suceder o mesmo coa médica de familia, e non o podemos permitir”, insistiu Vázquez.
A formación anunciou que continuará coa recollida de apoios cidadáns diante do centro de saúde, cun novo punto previsto para este venres e outro o mércores da vindeira semana. O obxectivo é trasladar esta demanda tanto á Consellería de Sanidade como ao Parlamento galego, nun intento de frear o desmantelamento progresivo da sanidade pública en Xove.