O BNG de Xove critica as inauguracións das áreas de autocaravanas xa operativas dende 2021

O BNG de Xove criticou duramente ao goberno local por “vender” como novidades obras que xa están operativas dende hai anos. Os nacionalistas denuncian que o equipo de goberno do PP, "en vez de promover políticas novas e actuais, está facendo uso dunha estratexia de auto-bombo, inaugurando instalacións que xa foron abertas ao público hai tempo ou facendo publicidade de programas xa en marcha".
"O exemplo máis recente foi a inauguración das áreas de autocaravanas tanto no centro de Xove como na praia de Esteiro, que a pesar de ser anunciadas como novidades, levaban tempo en funcionamento", din. A área de Esteiro, explican desde o BNG, leva aberta dende marzo de 2021, mentres que a área do centro de Xove está operativa dende xuño de 2024, cando se inaugurou o parque multideportivo, coincidindo coas eleccións europeas, segundo subliñan os nacionalistas. "Para nós, este tipo de anuncios son un engano, porque estas áreas xa estaban operativas dende hai tempo, e o goberno local presenta como novas instalacións que xa existían", asegura a voceira do BNG, Pilar Vázquez.
Ademais, a formación política advirte que a apurada inauguración levou a deficiencias nas instalacións, como problemas de drenaxe de auga, unha mala planificación nas prazas de aparcamento e a inutilidade dunha rotonda interior. "Estas deficiencias deberían terse resolto antes da inauguración, pero a présa e a improvisación do goberno local fixeron que agora sexa necesario realizar novos traballos para arranxar eses problemas", engade Vázquez.
Os nacionalistas tamén destacan que non é a primeira vez que o goberno de Xove ten que emendar erros de obras aprobadas, o que implica un gasto adicional para as arcas municipais. A formación trasladou ao Pleno de febreiro unha serie de rogos sobre o estado da contorna do parque e a área de autocaravanas de Esteiro. "O que nos gustaría é que o goberno local chamase ás cousas polo seu nome, que inaugurase as obras no prazo e, sobre todo, que supervisase ben os traballos para evitar malgastar cartos públicos", conclúen.