O BNG de Xove critica a opacidade do goberno local tras anunciar unha nova modificación orzamentaria pola prensa

O BNG de Xove amosou este martes o seu malestar pola forma en que se coñeceu unha nova modificación orzamentaria impulsada polo goberno municipal. Segundo explica a voceira nacionalista Pilar Vázquez, “decatámonos pola prensa, coma todo o mundo, de que se vai proceder a unha nova modificación de crédito. Parécenos insólito que non se nos convocase previamente a unha xunta de voceiros nin que se remitise documentación xunto coa convocatoria do Pleno”.
A formación lembra que xa en decembro de 2024 advertiran do carácter “pouco realista” dos orzamentos aprobados, especialmente no relativo aos ingresos previstos polo Imposto de Actividades Económicas (IAE) de Alcoa. “Logo de ingresar 17.000 euros en 2023 e algo máis de 280.000 en 2024, orzamentaron para 2025 unha previsión de máis de dous millóns de euros. Sabíamos que era irreal, máis cando se anunciara que as cubas arrancarían de xeito progresivo e a partir de abril”, explica Vázquez.
Desde o BNG lamentan que o equipo de goberno siga culpando ao executivo central do parón industrial, cando “o verdadeiro problema é o incumprimento da multinacional”. Ademais, denuncian a inacción municipal en temas estratéxicos como a liberación do dique norte ou a creación dunha autoridade portuaria propia: “En case 20 anos de goberno do señor Salgueiro, non se conseguiu atraer unha soa empresa nova”, critica a voceira.
“Se non queren gobernar, no BNG estamos dispostos a facelo, petando en todas as portas que fagan falta”, afirmou Vázquez, quen pediu responsabilidade e transparencia ante a situación económica e social do municipio.