O BNG de Xove critica a cesión das estradas provinciais sen debate previo no Pleno

O BNG de Xove decidiu non participar no acto de sinatura do convenio polo que a Deputación de Lugo cede ao Concello a totalidade das estradas provinciais, por considerar que o acordo non foi debatido previamente no Pleno municipal e que supón un prexuízo para o municipio. Así o comunicaron a través das súas redes sociais este 8 de xullo.
A voceira do grupo nacionalista, Pilar Vázquez, explicou que “decidimos non acudir a este acto organizado pola Deputación de Lugo xa que este convenio non pasou previamente polo Pleno e cremos que, máis alá do peor momento económico posible para o concello, hai moitas cuestións que plantexar ao equipo de goberno antes de acceder a sacar unha foto con un convenio que claramente beneficia á Deputación de Lugo e empobrece ao noso concello”.
Desde o BNG insisten na necesidade de que o asunto sexa obxecto de debate institucional antes de tomar calquera posición definitiva. De feito, a formación nacionalista confirmou que o convenio será tratado nun Pleno extraordinario que se celebrará ao longo deste mes.
“Cremos que o debate ten que darse primeiro nas institucións e posicionarémonos sobre este acordo no momento do Pleno, mais xa adiantamos que parécenos un mal acordo para a veciñanza de Xove a longo prazo, tendo en conta a situación económica que atravesamos”, concluíu Pilar Vázquez.
Con esta postura, o BNG de Xove marca distancias co Goberno local e co organismo provincial, ao entender que o convenio pode supoñer unha carga adicional para as arcas municipais nun contexto de dificultades financeiras.