O BNG de Xove alerta dunha situación crítica no centro de saúde durante o mes de agosto

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Xove vén de denunciar a grave situación que atravesa o centro de saúde do municipio neste mes de agosto, debido á falta de médicos. A formación lembra que a praza da segunda doutora segue sen ser cuberta tras a súa xubilación, malia a recente campaña de recollida de sinaturas impulsada polo propio BNG para esixir a súa substitución.
Segundo explicou a voceira municipal Pilar Vázquez, dende hoxe e ata final de mes, o centro só contará con atención médica tipo PAC (Punto de Atención Continuada) durante 5 días pola mañá, de 10:00 a 15:00 horas, para os dous cupos existentes. Ademais, só haberá tres xornadas de atención en horario de tarde para o cupo que quedou sen titular tras a xubilación.
A voceira nacionalista advirte de que esta situación afecta especialmente a persoas en situación de baixa laboral ou con enfermidades crónicas, que carecen dun seguimento axeitado. Vázquez conclúe animando á cidadanía a presentar reclamacións formais no centro de saúde e responsabiliza directamente ao Partido Popular: “Non se pode seguir mirando cara outro lado. Todos e todas imos precisar da sanidade pública e non podemos permitir que se deixe deteriorar deste xeito”.